O Obradoiro buscará confirmar en Manresa o bo inicio de campionato

 A actuación de Laurynas Birutis fronte ao Fuenlabrada fíxoo merecedor do premio a mellor xogador da primeira xornada na Liga Endesa.
laurynas_birutis_obradoirocab
photo_camera Birutis chegou ao Obradoiro desde o Prienai CBet lituano, onde estaba cedido polo Zalgiris Kaunas (Obradoiro CAB)

O Obradoiro viaxa mañá a terras catalás para se enfrontar ao Manresa na segunda xornada da Liga Endesa. Unha cita (19 horas) á que chega como líder da competición despois da contundente vitoria na súa estrea nesta tempada 2020-21. O conxunto compostelán pasou por riba do Urbas Fuenlabrada, canto menos no marcador (101-82).

Neste gran triunfo dos homes de Moncho Fernández foi clave o dominio do rebote e, sobre todo, a maxistral actuación dun dos seus interiores: Laurynas Birutis. O pivote lituano non puido ter un mellor debut na ACB, dando toda unha exhibición que o levou a asinar 42 créditos de valoración na súa estatística. Esta cifra fíxoo merecedor do título de Xogador da Xornada 1.

Saíndo no quinteto titular, Birutis fixo notar o seu físico xa desde o comezo do partido, conseguindo os primeiros puntos para o Monbus Obradoiro e sumando 10 no primeiro cuarto do total de 27 que anotou no global de todo o encontro. Ademais, logrounos cunhas porcentaxes de lanzamento elevadísimas: 9 de 11 en canastras de dous puntos (81%) e 9 de 10 desde a liña de tiros libres (90%).

Acabou como máximo anotador do partido e da xornada, e tamén se fixo dono do xogo baixo os taboleiros. Del foron 12 dos 34 rebotes que capturou o Monbus Obradoiro, repartidos de maneira idéntica a ambos os dous lados da pista (6 defensivos e 6 ofensivos).

A súa potencia e o seu físico permitíronlle ademais colocar 3 tapóns, evitando así que o seu rival puidese recortar a diferenza no marcador. Mais tamén foi quen de xerar tiros para os seus compañeiros, dando senllas asistencias a Mike Daum, que culminou cun mate, e Kassius Robertson, convertendo unha tripla, que xeraron 5 puntos máis para o Obradoiro. Completou a súa brillante actuación con 1 recuperación e 8 faltas recibidas, para os mencionados 42 créditos de valoración. 

Por outra banda, a ACB informou de que nesta tempada o Xogador da Xornada será o máis valorado da mesma, independentemente do resultado do seu equipo. Só en caso de empate entre dous ou máis xogadores tomaríase como referencia o resultado do partido disputado.

"Un pracer volver xogar"

Tras confirmarse a súa designación, Laurynas Birutis explicou que "comezamos ben, mais na primeira metade permitímoslles anotar demasiados puntos fáciles en contraataque e despois de rebotes ofensivos. No segundo tempo, axustamos a nosa defensa; o ataque estaba a funcionar ben, así que conseguimos poñernos por diante".

Cuestionado sobre como se sentiu neste primeiro partido cos seus novos compañeiros, sinalou que "temos un bo equipo, cun gran corpo técnico. Cada día animámonos e axudámonos uns os outros, e iso tamén se viu no partido". "Foi un pracer xogar e volver gozar do deporte que amamos despois de tanto tempo, así que ese sentimento e a vitoria do equipo foi moi importante para min", concluíu.

Eleccións a capitáns

Por outra banda, os xogadores e corpo técnico organizaron os tradicionais comicios para escoller que xogadores representarán o equipo. As votacións deron como resultado que Pepe Pozas, Álvaro Muñoz e Chris Czerapowicz serán primeiro, segundo e terceiro capitáns, respectivamente, na tempada.

Pozas, que repite como capitán por quinto ano seguido, dixo sentirse "honrado", especialmente neste 50º aniversario do club.

Comentarios