Tres de tres para o Obradoiro, que iguala o seu mellor arranque na liga

Os de Moncho Fernández impuxéronse ao Betis nun partido moi igualado que tan só se decantou a prol do conxunto compostelán no tramo final.
pepe_pozas-obradoirocab
photo_camera O base Pepe Pozas sumou un total de 14 puntos, catro asistencias, catro rebotes e tres roubos (Obradoiro CAB)

O Obradoiro sumou ante o Betis un traballado triunfo (87-80) e conseguiu fechar a primeira semana de competición cun pleno de vitorias ─tres de tres─ igualando desta maneira o seu mellor arranque na Liga Endesa, na campaña 2012-2013

De novo Laurynas Birutis acabou como MVP do equipo tras crecer co paso dos minutos. Con todo, os alicerces da vitoria do Obradoiro foron o traballo grupal do bloque. Catro xogadores acabaron con máis de 10 de valoración, e cinco fóronse por riba dos dobres díxitos de anotación. 

Birutis estivo inédito na primeira parte como consecuencia de dúas faltas persoais nos primeiros minutos. Foi no segundo tempo que brillou. A variedade de recursos do pivote lituano perto do aro converteuse nun pesadelo para o equipo andaluz. Birutis concluíu con 17 puntos (6/8 en tiros de dous, 5/7 en tiros libres), oito rebotes e 25 de valoración.

A súa actuación hai que sumar os 14 puntos, catro asistencias, catro rebotes e tres roubos de Pepe Pozas (23 de valoración), que levou o temón do Obradoiro. Tamén, a insistencia de Beliauskas (11 puntos, 13 de valoración), a enerxía de Daum, ou o incansábel traballo de Czerapowicz.

Igualdade até o final

O partido comezou cun Obradoiro que xogaba alegre, cunha rápida mobilidade do balón, conseguindo así tiros liberados desde máis aló da liña de 6,75. Beliauskas, Daum, Czerapowicz e Pozas levaron o peso dos locais. Porén, os visitantes non permitiron que se abrisen fendas no marcador grazas ao control do rebote en ataque (catro neste primeiro cuarto) e aos réditos desde a liña de persoal.

O Obradoiro corrixiu este aspecto no segundo cuarto, mais as súas imprecisións en ataque foron aproveitadas polo Betis para rebotear, correr e recortar diferenzas no marcador. Ao descanso, o resultado era 43-42.

Á volta dos vestiarios, o partido proseguiu igualado, con estiróns por parte dos da casa que, non obstante, atopaban a resistencia do Betis. Harrow (23 puntos) e Kay (13 puntos) tiveron boa culpa de o Obradoiro non ser quen de sentenciar.

O futuro pasa pola casa

No terceiro cuarto mantívose a igualdade e mesmo o Betis dominou por momentos no marcador. Estes minutos deixaron unha boa nova para o equipo compostelán, cun Rafa García, home da casa, que completou unha semana perfecta. 

Tras debutar no Nou Congost ante o Manresa, Moncho Fernández deulle o domingo o control do equipo ante o Betis nos momentos en que o Obradoiro tiña unha maior carencia de ideas. Na derradeira posesión deste terceiro cuarto, Rafa García demostrou o seu carácter: co Betis por diante no marcador, agarrou o balón e encarou decidido o aro para finalizar cunha bandexa e colocar o equipo compostelán por diante (67-66) antes do derradeiro asalto.

Neste último cuarto, o Obradoiro afrontou outro contratempo ao perder efectividade no tiro de tres (0 de 8). Con todo, logrou sobrepoñerse atopando outras vías de anotación. Aí apareceu Birutis (8 puntos), imparábel perto do aro, e tamén un Pozas omnipresente en todas as partes da cancha.

O bo traballo en defensa e a constancia en ataque permitiron que o Obradoiro fose estabelecendo unha diferenza confortábel no electrónico, poder gozar duns últimos minutos relativamente plácidos e saborear a terceira vitoria do curso.

Comentarios