domingo 18/04/21

Balonmán Porriño fecha a primeira volta ante o Rocasa Gran Canaria

A escuadra do sur da Galiza chega a este partido logo de quedar eliminada da Copa 
O Conservas Orbe terá unha oportunidade de probar xogadoras máis novas ante o Rocasa. (Foto: Porriño).
O Conservas Orbe terá unha oportunidade de probar xogadoras máis novas ante o Rocasa. (Foto: Porriño).

Case sen tempo para dixerir a eliminación da Copa da Raíña do pasado sábado a mans do Aula Alimentos de Valladolid, o Conservas Orbe Rubensa Porriño encara hoxe un novo desafío ante Rocasa Gran Canaria, nun choque que foi adiado no seu momento a causa da Covid-19 e que supón o definitivo feche da primeira fase do campionato ligueiro.

A escuadra galega recibe no Pavillón Municipal do Porriño un conxunto canario que gañou na última xornada da Liga Guerreiras Iberdrola a Liberbank de Xixón por un cómodo 17-25, reafirmándoo na segunda posición da táboa clasificatoria, catro postos por encima do Balonmán Porriño.

Para Ismael Martínez, adestrador do Conservas Orbe, será un reto xogar despois do "mazazo tan gordo" que supuxo a eliminación copeira".

Agarda que o encontro ante Rocasa Gran Canaria "a pesar de que clasificatoriamente non ten valor ningún para nós", sirva para "recuperarnos dese pau tan grande no que tiramos o traballo de 105 minutos nos derradeiros 15 da eliminatoria".

Con esta filosofía, Martínez aproveitará as baixas das internacionais Mónica Soares, Érica Tavares e Carme Castro para subir xogadoras do equipo xuvenil "e que collan minutos para demostrar que están preparadas para contribuír co primeiro equipo cando sexa necesario".

Desastre en Valladolid

O aspecto anímico será moi importante para afrontar o partido ante o Rocasa Gran Canaria, logo de deixar escapar unha clasificación para a Copa da Raíña que parecía asegurada no tempo de descanso.

A pesar da vantaxe no marcador, uns tres últimos parciais de Aula Alimentos de 25-21, 27-23 e 29-25 que se poden atribuír aos fallos no ataque deixou as galegas fóra da Copa.

comentarios