As mulleres do balonmán galego derruban unha nova barreira protagonizando unha colección de cromos

Máis de 100 anos despois de que se editase no Estado español o primeiro álbum de cromos de fútbol (masculino, por suposto), Panini lanza a primeira colección na historia protagonizada por unha liga deportiva feminina, a Liga Guerreiras Iberdrola, na que militan as escuadras galegas Atlético Guardés e Balonmán Porriño.
Os seareiros e seareiras teñen agora a oportunidade de coleccionar as estampas das súas xogadoras favoritas. (Foto: Atlético Guardés).
photo_camera Os seareiros e seareiras teñen agora a oportunidade de coleccionar as estampas das súas xogadoras favoritas. (Foto: Atlético Guardés).

Cantas veces diríamos na nosa infancia os que peiteamos algunha cana -ou un feixe delas, pois o coleccionismo de cromos é máis vello que andar a pé- aquilo de 'sipi' e 'nopi' mentres abríamos algún sobre ou revisabamos as coleccións dos nosos colegas en busca daquel futbolista que nos faltaba, ese Faizulin, ese Bestchasnik ou ese celeste Andoni Lakabeg que tanto se nos resistían.

E escribo en masculino porque na inmensa maioría dos casos eramos homes os coleccionistas, evidenciando que se trataba dunha actividade evidentemente masculinizada onde a presenza de mulleres era moi excepcional, tal vez por non sentirse identificadas ante a ausencia de referentes femininos, propios, algo que co tempo tornou nunha das reivindicacións do 8 de Marzo.

Precisamente co gallo da celebración do Día da Muller saíu do prelo un produto que, a pesar de estarmos inmersos no ano 2021, ten carácter pioneiro no seu ámbito: a primeira colección de cromos dunha liga deportiva feminina do Estado español en toda a historia.

O álbum, editado por Panini -a maior empresa mundial do ramo- en colaboración coa Real Federación Española de Balonmán (RFEB), recolle en 296 cromos as caras de todas as xogadoras que integran os 16 equipos que conforman a Liga Guerreiras Iberdrola, a máxima categoría do balonmán a nivel estatal e na que militan dous galegos: Club Balonmán Atlético Guardés e Conservas Orbe Rubensa Balonmán Porriño.

Un álbum dixital a través dunha aplicación móbil

Deste modo, as rapazas -e rapaces- galegos terán a oportunidade de facerse coas estampas das porriñesas Érica Tavares, Mónica Oliveira, Sandra Fernández ou Carme Castro, así como das guardesas África Sempere, Marisol Carratú, Paula Arcos ou Sarah Valero, entre moitas outras estrelas.Ev92tCxWgAgBHKa

Non obstante, e en contraste co que aínda acontece coas coleccións da Liga de Fútbol Profesional (LFP), da World Wrestling Entertainment (WWE) ou das Bólas de Dragón, entre outras, o álbum da Liga Guerreras Iberdrola non verá a luz en papel, senón a través da aplicación MyPanini Digital Collection, que está dispoñíbel para a súa descarga en iOs e en Android.

A subscrición á mesma é de balde, e unha vez dentro recíbese automaticamente un sobre benvida con seis cromos, obtendo un novo cada 16 horas. Ademais, existe a posibilidade de mercar cromos extra a través dun sistema de pago integrado na plataforma e de "beneficiarse dos códigos promocionais que ao longo das vindeiras semanas farán públicos os distintos equipos da competición a través das súas redes sociais", segundo informou a RFEB.

De todos os modos, a app de Panini conta cunha funcionalidade que permite o intercambio dixital de cromos entre as coleccionistas e, por outra banda, as persoas que consigan completar 70% ou máis desta colección da Liga Guerreiras Iberdrola de balonmán terán a oportunidade de solicitar a través da propia plataforma unha copia do seu álbum en formato físico.

Comentarios