O atletismo tomará os catro puntos cardinais da Galiza esta fin de semana

Haberá probas en Lugo, Ourense, Cervo e A Pobra.
Aldara Meilán, campioa estatal Sub-20, será a gran atracción do Galego de marcha. (Foto: RFEA).
photo_camera Aldara Meilán, campioa estatal Sub-20, será a gran atracción do Galego de marcha. (Foto: RFEA).

Intensísima fin de semana a que se vivirá a nivel atlético ao longo de toda a Galiza, pois terán lugar nada máis e nada menos que catro campionatos nacionais nas localidades de Ourense, Lugo, A Pobra do Caramiñal (Barbanza) e Cervo (A Mariña). Este último concello acollerá o sábado, día 3 de febreiro, o Memorial Alejandro Gómez, no que tomarán parte un bo número de atletas na procura dos título galegos dos 10.000 e os 5.000 metros lisos. 

As probas, que darán comezo ás 15.30 horas, contarán coa participación destacada de Amparo Corredoira e Miguel Alvariño (Atlética Lucense), así como dos másters Nemesio Gutierrez (Atletismo Friol) e Soledad Castro (Comesaña).

O mesmo día as pistas lucenses do Gregorio Perez Rivera recibirán a disputa do Campionato Xunta da Galiza de lanzamentos longos para as categorías absolutas e Sub-23.

No mesmo está inscrita unha das lanzadoras 'Top' a nivel mundial, Yulenmis Aguilar, na proba de xavelina, que tornará na máxima atracción da edición 2024 do evento. Con ela estarán tamén nomes importantes, como Carmen Sánchez e Paula Piñón en xavelina; Éric Méndez en martelo; ou María Ezquerro en disco, por citar só algúns e algunhas das máis destacadas. As probas principiarán en dobre xornada de mañá e tarde, comezando ás 10.30 horas para dar remate aproximadamente arredor das 18.45 horas.

Cambiando totalmente de sector, a marcha tamén terá a súa cita invernal esta fin de semana. En concreto, será na Pobra do Caramiñal, que recibirá cos brazos abertos os e as máis de 125 marchadoras que aspiran a colgar a medalla de ouro do pescozo nunha carreira que lanzará o disparo de saída o domingo, 4 de febreiro, ás 10.45 horas.

Entre a relación de participantes brilla a internacional -e unha das máis firmes promesas do país- Aldara Meilán, quen buscará subir ao máis alto do podio nos 10 quilómetros absolutos. Xunto á de Lugo é salientábel a presenza sobre o circuíto pobrense do campión europeo e mundial máster, Juan Manuel Morales, do Marineda, nunha proba que servirá para inaugurar o I Circuito Galego de Marcha Atlética, creado este mesmo ano.

Por último, pero non menos importante, como se adoita dicir, Expourense continuará coa súa actividade de pista curta, estando programados para os días 3 e 4 de febreiro o Campionato Galego de Probas Combinadas nas categorías absoluta, Sub-20 e Máster.

O certame estará liderado, entre outros, polo atleta internacional Adolfo Saínz-Maza (Real Club Celta de Vigo), quen parte como claro favorito ao título galego. No resto de modalidades, Carlos Ferrer (Samertolameu) e Juan Luis Paz (Club Atletismo Sada) encabezan unha relación de candidatos integrada por até 35 deportistas.

Presentado en Expourense o Estatal de Pista Curta

Ese mesmo recinto da Cidade das Burgas tornará en apenas dúas semanas na capital estatal do atletismo co gallo do Campionato de España de Pista Curta, que foi presentado oficialmente esta cuarta feira.

Alí medirán forzas máis de 500 competidores e competidoras de 100 clubs diferentes, mais, como destacou o presidente da Federación Española da Modalidade, Raúl Chapado, haberá actividades paralelas como 'clinics' con nenos e nenas das escolas de Ourense impartidas por lendas como Ruth Beitia.

Comentarios