sábado 16/10/21

O Atlético Guardés xa pensa na remontada para o partido de volta das semifinais da Copa EHF

A escuadra galega terá que remontar cinco goles ante Rincón Fertilidad Málaga
O Atlético Guardés superou San José Obrero por 29-20. (Foto: Sportcoeco).
O Atlético Guardés terá que superar cinco goles de desvantaxe na volta. (Foto: Sportcoeco).

O Atlético Guardés deberá remontar cinco goles de desvantaxe se quere estar por primeira vez nunha final europea. A escuadra galega perdeu por 18-23 (10-13 no intermedio) ante Rincón Fertilidad Málaga nun partido de ida das semifinais da  EHF European Cup que tivo como principal protagonista a porteira internacional Merche Castellanos, que con 16 paradas e 59% de efectividade foi un auténtico muro para as da Guarda.

Ambos os conxuntos desaproveitaron as súas primeiras accións, pero no seu segundo intento o Málaga abriu o marcador e as distancias grazas ás paradas de Castellanos, que tivo nun espectacular bloqueo a Paula Arcos a súa carta de presentación.

O segundo gol das andaluzas, materializado por Espe López, foi sucedido inmediatamente por outra intervención de auténtico luxo da gardameta visitante, mais non foi quen de deter un lanzamento de cadeira de Erika Rajnohová, que estabeleceu o 1-2. 

Estes primeiros e trepidantes cinco minutos de partido foron un avance do que sería a tónica do primeiro tempo: parada de Castellanos, enésima perda de balón do Guardés -pases que non se finalizaban correctamente, malas decisións…-, faltas en ataque, pasos… así até que o técnico do conxunto do sur da Galiza, José Ignacio Prades, pedía tempo morto transcorridos os primeiros 15 minutos co obxectivo de pór orde nas súas filas e cando o marcador na Sangriña reflectía un 5-7 favorábel ao Rincón Fertilidad Málaga.

As rotacións deron aire ás locais, e o cambio de Moreno por Urban no extremo dereito traduciuse en que as distancias baixaron até 7-8. Non obstante,  e a pesar de que o Málaga estivo frouxo no ataque posicional, conseguiron volver abrir brecha até o 10.13 co que se alcanzou o tempo de descanso.

Con tres abaixo e 30 minutos por diante para rearmarse en defensa e reducir as perdas de balón, o Guardés comezou o segundo acto cun sete metros que anotou Paula Arcos (11-13) e apostando por abrir un pouco máis a súa defensa. Lamentabelmente, o gol de Sarah Valero (12-13) foi un espellismo, pois logo dun cúmulo de adversidades as galegas volvían distanciarse até estar a catro tantos das malagueñas, que encomendadas á súa velocidade e ás paradas de Merche Castellanos baixo paus lograron alcanzar o 18-23  co que se chegou ao final do tempo regulamentario.

Xa que logo, a última rolda eliminatoria da EHF resolverase o vindeiro sábado, 3 de abril, a partir das 19 horas no polideportivo malagueño de Ciudad Jardín.

O Porriño abre a segunda fase da liga con vitoria

O encontro entre Uneatlantico Pereda e Conservas Orbe Rubensa Balonmán Porriño, que abriu a segunda fase da Liga Guerreiras Iberdrola, non puido rematar mellor para os intereses dun conxunto galego que loitará por non descender da máxima categoría do balonmán.

O resultado favorábel de 20-27 para as xogadoras dirixidas por Ismael Martínez estivo sustentado nos primeiros minutos da segunda metade, a pesar de que o primeiro tempo rematou xa con seis tantos de vantaxe para o Balonmán Porriño.

Cunha defensa centrada principalmente en disuadir as primeiras liñas do Uneatlantico, e en combinación cun bo ataque onde Soraia Lopes foi a gran protagonista, a escuadra galega suma uns puntos vitais para o obxectivo da salvación. 

O Atlético Guardés xa pensa na remontada para o partido de volta das semifinais da Copa...
comentarios