A representación galega, a por todas no Campionato estatal de atletismo

O Estadio Municipal de Joan Serrahima, en Granollers (Barcelona) acollerá, esta fin de semana, o XCVII Campionato de España de Atletismo. Un total de 42 atletas galegas e galegos tomarán parte neste evento e con moitas opcións, quer de rexistar a mellor marca persoal (MMP) quer de medallas, grazas ao seu excelente estado de forma actual que xa se deixou notar no Campionato Galego. A galega é, en número de participantes, a sétima máis representada neste campionato. A que ten máis deportistas en competición é anfitrioa, con 129.

Selección Galega de Atletismo no Campionato de España de Seleccións Autonómicas Foto: FGA
photo_camera Selección Galega de Atletismo no Campionato de España de Seleccións Autonómicas, en Ciudad Real Foto: FGA

Na categorías feminina, a canguesa Solagne Pereira parte con todas as papeletas para acadar o título estatal, após a súa extraordinaria marca de 4.06.39 acadada na Diamond League que supuxo, alén do máis, o seu pasaporte para os Mundiais de Londres, na proba raíña do medio fondo, os 1.500 metros. Esther Navarrete, sexta no ranking estatal na especialidade dos 5.000 metros lisos, apreséntase na loita polos metais após rexistar unha marca de 16.19.35 no campionato galego. Claudia Rojo tomará parte quer nos 100 valados quer nos 400, tendo que baixar un minuto nesta última para loitar por unha boa posición na final. E co obxectivo de baixar dos 51 minutos, Antía Chamosa tomará parte nos 10 Km marcha.

A disciplina de saltos contará coa participacións de Saleta Fernández, a pupila da gran Ruth Beitia, que en altura parte coa terceira mellor marca do ranking con 1.82 metros e que estará presente nos Mundiais de Londres o vindeiro mes de agosto, e Ana Peleteiro, clara aspirante ao título estatal en triplo salto grazas á marca de 14.22 metros coa que encabeza o concurso na clasificación española.

Pola súa parte, Belén Toimil -após ser protagonista no Campionato Galego, coa histórica marca de 17.38 metros- volta ao círculo de peso coa intención de pelexar polo título estatal. A xavelina, presente sempre de maneira destacada no atletismo galego, contará con Lidia Parada quen irá defender o título de campioa acadado o pasado ano; os seus 57.75 metros deste ano garanten as posibilidades de éxito. Amais, a equipa feminina de relevos do Ría Ferrol ha de participar no campionato achegándose coa terceira mellor marca das formacións participantes.  

Na categoría masculina, Carlos Moro ha correr os 400 metros valados co obxectivo de acceder á final e rebaixar os 52 segundos. Nos concursos, onde hai opcións importantes de medallas, Jean Marie Okutu ha de loitar polo título estatal en lonxitude con Eusebio Cáceres, e en triplo salto Alfonso Palomanes defenderá o título cos seus 16.10 metros deste ano fronte o castelonense Pablo Torrijos quen parte como favorito cos seus 16.96 metros.

Frank Casañas tentará lograr a prata e na disciplina de martelo Carlos Revuelta, con 62.66 metros, e Nacho Fernández, con 62.11 metros, competirán nun interesante duelo para estar o máis perto posíbel da vitoria. A xavelina permitirá ver o campión do pasado ano, Manolo Uriz que se sitúa no sétimo posto do rankin e ha de loitar por mellorar a súa MMP. E na proba dos 10.000 marcha destaca a presenza dos internacionais Fran Durán e Daniel Chamosa, que se achegan a cidade catalá en moi bon estado de forma.

Comentarios