Fútbol

A PREVIA | Lugo - Celta Fortuna: 2024 trae un derbi baixo o brazo

Aspirina, auga e a correr. O fútbol non entende de festas, polo que aos xogadores que se pasaran co marisco ou as copas na cea de fin de ano non lles queda outra que pagar as súas consecuencias sobre o terreo de xogo no partido inaugural de 2024, nin máis nin menos que un derbi galego entre o Lugo e o Celta Fortuna.
Celta Fortuna.
photo_camera Celta Fortuna.

Resaca da noite de ano vello? Indixestión ou empacho provocado pola comida de aninovo? A normalidade propia destas festas é aceptábel para vostede, lector ou lectora, pero non para os xogadores de Club Deportivo Lugo e Celta Fortuna, que transcorridos menos de dous días desde a entrada en 2024 saltarán ao terreo de xogo do Ángel Carro para disputar este 2 de xaneiro ás 19 horas un derbi galego que contará, ademais, co aliciente de ser o primeiro partido do ano na Primeira Federación.

Situados ambos os conxuntos nos postos de privilexio da clasificación ligueira -en especial o filial celeste-, a súa meta común é continuar en 2024 coa gran xeira de resultados coa que fecharon 2023.

Por parte do Celta Fortuna, os rapaces dirixidos por Claudio Giráldez demostraron no que vai de tempada unha solidez extraordinaria, obtendo triunfos de mérito sobre rivais do nivel da Cultural Leonesa (0-2) ou do Deportivo (0-1), co mérito engadido de conseguir gañar en Riazor.

Con respecto á escuadra albivermella, suporá o debut do sucesor do técnico Pedro Munitis, quen non sen esforzo conseguiu rachar a dinámica negativa da tempada do descenso á terceira categoría, e cun bloque moi diferente ao que descendeu chegou a vencer en cinco partidos consecutivos e a lograr clasificarse para os dezaseisavos de final dunha Copa do Rei que disputará esta fin de semana méritos propios ao Mirandés de Segunda División.  

Unha festa sen favorito

O Lugo-Celta B ten unha cousa segura: será unha festa. O feito de que as crianzas, así como moitas persoas adultas, continúen de vacacións, asegura que as bancadas do coliseo lucense sexan un auténtico espectáculo, a pesar das inclemencias do tempo tan propias destas datas. Iso si, prever que pasará co reparto de puntos xa será un asunto máis complexo, pois o olívico foi un bloque máis sólido até o de agora, mentres que o local, contra o que é habitual no fútbol, está exhibindo mellores prestacións a domicilio que ante o seu propio público. 

A historia, e sempre tendo en conta que as estatísticas no deporte rei están para rachar con elas, outorga o teórico favoritismo a un Lugo que non só se impuxo (1-0) no último precedente directo -un amigábel no pasado mes de agosto-, senón que non cae derrotado ante o Celta Fortuna desde setembro de 2009, cando ambos equipos militaban na Segunda B.

Entre medias, catro vitorias lucenses moi contundentes (3-0, 1-4, 2-0 e 0-3) e un empate (1-1) que confirman unha tónica de resultados  que ten o seu primeiro precedente hai exactamente 31 anos, concretamente no 12 de decembro de 1993, cando un filial coñecido por aquel entón como Celta Turista colidía cun Lugo que, como este ano, acababa de perder a categoría. Alí, os visitantes lograron rañar un empate que non impediu o seu descenso á Terceira División.

Comentarios