As Peñas no exterior á espectativa de #onosoderbi

Celta e Depor contan con peñas en medio mundo. Seguirán o partido a moitos quilómetros de distancia coa ilusión de ver gañar á súa equipa.
Peña Blau i Cel
photo_camera Peña Blau i Cel

As peñas celtistas que vivirán o noso derbi a distancia confían nun bo resultado dos xogadores de Abel Resino. “É certo que os últimos resultados non acompañan pero creo que a equipa retomou nestes últimos enfrontamentos o seu xogo, o seu estilo e ademáis melloramos considerablemente en defensa, con liñas moito más adiantadas e mellor posicionadas no campo”, opina Alejandra Aller presidenta da Peña Morriña Celeste de Madrid. Est@s seareir@s comezaron a andaina como peña na tempada 2010/2011 e xa realizaron varios desprazamentos seguindo á equipa viguesa. Nesta ocasión a festa no local será dobre, derbi e celebración do San Patricio irlandés.

Desde Barcelona tamén seguirán o partido con intensidade a Peña Blau i Cel. “Neste partido verase de que pasta está feito o equipo”, aseguran, “nós apostamos por un resultado de 0-2”. Apuntádeo para a porra, a peña que naceu e realiza as súas actividades na capital de Catalunya xa o ten claro.

Se falamos coas peñas do Depor a ilusión é a mesma. En Madrid a Peña O Centenariazo, tamén con sede na Coruña, seguirá con interese o derbi entre o Depor e o Celta. “Sen duvida contamos coa victoria do Depor”, aseguran, “o resultado é o de menos mentres queden os tres puntos no noso estadio, unha vitoria necesaria para espertar da situación que estamos vivindo, unha vitoria que faga espertar o medo das equipas que estan enriba nosa na clasificación”.

Na Peña Deportivista de Barcelona, como non podía ser doutro xeito, tamén apostan pola vitoria dos de Fernando Vázquez. “O corazón pídeme unha victoria tranquila por primeira vez na tempada pero a cabeza díme que vai ser un partido moi apretado, semellante aos da temporada pasada”. Ao preguntarlles por un resultado din “un 3-2 porque coas defensas que teñen os dous equipos seguro que hai moitos goles”.

Comentarios