Arkea B&B Hotels estára na liña de saída do Gran Camiño

Cuarto equipo World Tour confirmado na proba.
A formación gala conta con varios dos mellores ciclistas de Francia. (Foto: Equipe ARKEA - B&B Hôtels).
photo_camera A formación gala conta con varios dos mellores ciclistas de Francia. (Foto: Equipe ARKEA - B&B Hôtels).

O pelotón do Gran Camiño, a volta ciclista profesional á Galiza, contará cun novo equipo World Tour na súa edición de 2024, tal e como anunciaron onte desde a organización.

Deste modo, os franceses de Arkea B&B Hotels estarán na liña de saída o próximo 22 de febreiro, no que será o seu debut na proba galega, unha carreira que confirma así á súa cuarta escuadra de categoría World Tour, tras Groupama-FDJ, Visma-Lease a Bike e Movistar.

Arkea B&B Hotels, até 2023 coñecido como Arke-Samsic, é unha formación gala onde militan algúns dos máis destacados ciclistas de Francia, como o gañador de oito etapas do Giro de Italia e dous do Tour- ademais dunha Milan-San Remo, Arnaud Demare.

No seu cadro de persoal tamén brilla o nome de Florian Senechal -segundo na Gante-Wevelgem e gañador dunha etapa na Vuelta a España-, así como unha serie de corredores moi combativos, caso de  Clement Champoussin, Elie Gesbert, Mathis Le Berre ou Kevin Vauquelin. No Arkea B&B Hotels corren, ademais, o andaluz Cristian Rodríguez -vencedor do Circuíto de Ruanda e cuarto na Mont Ventoux Challenge- e o fillo do ex ciclista Félix García Casas (O Trampas), Raúl García Pierna, campión de España contra o reloxo en 2022 e cuarto no Mundial da mesma modalidade o pasado ano. 

Así, con esta confirmación O Gran Camiño aumentará a presenza de equipos de categoría World Tour respecto a 2023, mais, apuntan, "a de Arkea B&B Hotels non será a última gran incorporación nesta edición de 2024". 

Camariñas volve ao Galego de Resistencia

Cambiando o ciclismo de estrada polo de Montaña, a Copa Galiza de Resistencia, unha proba que cada ano organiza a Federación Ciclismo Galego (FCG), xa ten calendario oficial, e a principal novidade é o regreso da 3H Concello de Camariñas ao circuíto.

Deste modo, a proba inaugural do certame terá lugar en Lousame tan cedo como o próximo 14 de xaneiro, collendo a remuda Noia no 21 do mesmo mes. O 28 de xaneiro será a quenda de Muros, mentres que a cita camariñesa será o 4 de febreiro. Unha semana máis tarde, o 11, será a quenda de Vilagarcía de Arousa, baixando o pano en Narón nunha data que fica aínda por confirmar.

Comentarios