Os árbitros de fútbol denuncian a "violencia" que sofren

Claman por "medidas formativas e coercitivas".
Medina Cantalejo é o presidente do Comité Técnico de Árbitros. (Foto: Europa Press).
photo_camera Medina Cantalejo é o presidente do Comité Técnico de Árbitros. (Foto: Europa Press).

O labor dos e das árbitras, en calquera disciplina deportiva, sempre é obxecto de severo escrutinio por parte do público, unha presión que se eleva até o extremo no fútbol, especialmente desde que ficasen atrás os tempos en que o amateurismo caracterizaba este oficio para tornar en profesión exclusiva pola que perciben máis de 12.500 euros mensuais na Primeira División española, máis do dobre do que gañan os e as súas homólogas na Premier League inglesa.   

Ben distinta, non obstante, é a situación das colexiadas nas categorías inferiores e de base, o que levou ao Comité Técnico de Árbitros (CTA) a lanzar no día de onte unha "mensaxe de auxilio en contra da violencia verbal e física que están a sufrir reiteradamente".

Este organismo, dirixido polo polémico Luis Medina Cantalejo -quen esta mesma tempada tornou en persoa non grata en Vigo pola comparación que realizou entre os erros arbitrais que afectaron o Celta durante varias xornadas de campionato cos que cometeron sobre o céspede xogadores celestes como Larsen ou Tapia-, lamentou que se estea convertendo "nunha misión case imposíbel" o poder arbitrar no Estado español, polo que solicitou a colaboración "de todos os actores implicados" para acabar con esta "eiva".

Desde o Comité Técnico de Árbitros da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) cren que se está volvendo cada vez máis complexo o poder exercer as súas funcións "no medio dun ambiente irrespirábel, con insultos, ameazas e agresións, moito máis cando se trata de árbitros menores de idade que están en pleno proceso de formación", advertiron.

Por iso, desde o CTA solicitaron que "os clubs e os seus afeccionados" se posicionen "decididamente" na loita para acabar con estas situacións, e que "todas as federacións e institucións ligadas ao mundo do fútbol tomen conciencia da gravidade do que está a acontecer nos terreos de xogo de España e adopten as medidas formativas e coercitivas necesarias sen maior dilación". 

Ademais, tamén pediron aos medios de comunicación "censurar con firmeza actitudes de odio e violencia nos campos de fútbol de calquera categoría e evitar calquera xustificación", porque "non se pode normalizar a violencia en ningún ámbito".

Comentarios