O Ancares Cycling Marathon reuniu máis de medio millar de ciclistas

A cita, dividida en tres roteiros, contou con grandes nomes como Claudio Chiappucci, Carlos Canal ou Javi Gómez Noya. David Mayo, en categoría masculina, e Tuxa Fernández-Coronado, na feminina, quedaron en primeiro lugar na clasificación.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e o podio masculino da proba (Foto: Deputación de Lugo).
photo_camera O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e o podio masculino da proba (Foto: Deputación de Lugo).

Máis de medio milleiro de ciclistas gozaron este domingo da festa de deporte, natureza e tradición que supón o Ancares Cycling Marathon, unha proba que se converteu na referencia do gran fondo de montaña na Galiza.

Nesta terceira edición, a marcha empezou puntual, ás 9 horas, desde a praza do Mercado de Pedrafita do Cebreiro, nos Ancares. Comezou a cita deportiva con frío e néboa mais continuou con sol.

Na saída estiveron presentes, co tradicional corte da fita,  o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, o alcalde de Pedrafita, José Luis Raposo, José María Seijas e Santiago Seijas, do Clube Ciclista Cidade de Lugo e Ezequiel Mosquera, de EME Sports.

As espectaculares paisaxes do roteiro acompañaron ao nutrido pelotón no seu camiño polas Nogais, Becerreá, Pedrafita, Cervantes e Navia de Suarna. Tras os portos de Sete Carballos, Pintinidoira e Vilasol, os ciclistas subiron ao Alto do Cebreiro, percorrendo os últimos metros polo Camiño de Santiago. 

Mellores marcas

O primeiro clasificado do Gran Fondo foi David Mayo, tras 4 horas e 19 minutos sobre a bici, o segundo Iago Medín, cun tempo de 4 horas e 25 minutos, e o terceiro Ángel Maneiro, con 4 horas e 27 minutos de percorrido.

Entre as mulleres, a máis rápida foi Tuxa Fernández-Coronado, que fixo o percorrido completo en 5 horas 42 minutos. A seguinte foi Mónica Díaz, con 5 horas 44 minutos, e a terceira Estefanía Vega (5 horas e 47 minutos).

No medio fondo, o primeiro foi Javier Martínez, do club ciclista León, que entrou na meta tras 3 horas 41 minutos de carreira, seguido de Juan Luís López de Guereñu (3 horas 45 minutos) e Alberto González (3 horas 47 minutos).

Na clasificación feminina de medio fondo, a máis rápida foi Camila Rey (4 horas 12 minutos), seguida de Ana Senso (4 horas 38 minutos) e Mónica Campagna (4 horas 46 minutos).

O primeiro en pasar por liña de meta no Cebreiro foi Marcos Codesal, participante do roteiro máis curto, tras 1 hora e 46 minutos de marcha. O segundo e terceiro posto do 'mini fondo' foron para Adríán Álvarez Mosquera (1 hora 54 minutos) e Javier Gómez (1 hora 56 minutos).

A primeira muller foi a xixonesa Paula Arias, cun tempo de 2 horas 9 minutos, seguida da burelense Sabela Borrajo (2 horas 15 minutos) e Tamara Gómez Garrido, de Elxe (2 horas 16 minutos).

O trofeo para o grupo máis numeroso levouno o Club Ciclista Ancares, mentres que a mención para os que chegaron de máis lonxe viaxou até O Prat de Llobregat (Catalunya), con Prat Bike.

Chiappucci, Canal e Gómez Noya

Entre o medio milleiro de ciclistas participantes, este domingo gozou da montaña o histórico Claudio Chiappucci, que levou o dorsal 1 e que, tras a súa chegada ao Alto de Cebreiro, destacou a dureza do percorrido.

Tamén estivo o profesional ourensán Carlos Canal, formalmente o tempo máis rápido no gran fondo, mais participando fóra de competición. "Os Ancares non defraudan", dixo tras pasar por meta, destacando o "espectacular" do roteiro e os numerosos participantes nesta cita na que espera repetir, engadiu. Sobre as súas próximas citas, irá "a por todas" no mundial de Glasgow tras gozar este domingo dun "adestro de calidade".

Outro grande, Javi Gómez Noya, que vén dunha lesión, confía en empezar a competir o mes que vén, tras probarse sobre a bici nesta proba. Da cita deste domingo destacou o "roteiro espectacular, con portos duros, estradas estreitas e baixadas complicadas".

Finalmente, tamén gozaron desta xornada de festa e ciclismo César García Calvo, o 'xabaril do Bierzo', Iván Raña e Alex Marque.

A nota negativa da xornada foi o atropelo dun membro da organización por parte dun condutor que se negou a acatar as indicacións de seguridade da marcha. O ferido foi trasladado por un equipo médico ao hospital, mentres que o infractor foi detido pola Garda Civil.

Comentarios