A Copa Galiza Máster activa o calendario galego de estrada

A Copa Galiza Máster será o primeiro certame sobre o asfalto que coordine a Federación Ciclismo Galego (FCG). Este ano, ademais, o ciclismo paralímpico chegará á Laracha.
Corredores na edición 2022 da Copa Galiza Máster (Foto: FCG).
photo_camera Corredores na edición 2022 da Copa Galiza Máster (Foto: FCG).

As carreiras ciclistas están a piques de regresar ás estradas galegas. A Copa Galiza Máster será o primeiro certame que esta tempada comece a rodar sobre o asfalto, coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG). A cita inaugural disputarase no municipio de Oroso (comarca de Ordes) antes de rematar este mes.

Será o VI Memorial Fernando Abad quen abrirá, o 26 de marzo, un calendario que volve constar de tres xornadas como o ano pasado, o do seu regreso tras a paréntese por mor da pandemia. A primeira proba, con saída e chegada en Sigüeiro, organízaa o Club Ciclista Tambre Bike como homenaxe a quen foi o seu presidente. 

O seguinte asalto chegará o 6 maio no concello de Mos (comarca de Vigo). A primeira etapa da VII Challenge As Rías Baixas, organizada polo porriñés Club Ciclista Máster da Louriña, repartirá uns puntos que marcarán o que aconteza no desenlace da Copa. 

As clasificacións xerais resolveranse o 27 de maio no IX Trofeo de Ciclismo Concello A Estrada (comarca de Terra de Montes).

A carreira nese territorio, promovida polo Club Ciclista Cidade de Santiago, exerceu en 2022 de Campionato de Galiza Máster e, nesta ocasión, facilitará o triunfo final da Copa nas categorías Máster-30, Máster-40, Máster-50 e Máster-60. 

Final  do ciclismo paralímpico na Laracha

Na Galiza, ademais, coroaranse esta mesma tempada as gañadoras e os gañadores das dúas competicións máis importantes de ciclismo paralímpico a nivel estatal. En primeiro lugar, será Viveiro (A Mariña) quen acolla o Campionato de España, do 19 ao 21 de maio.

Despois, a localidade bergantiñá da Laracha porá o broche o 16 de xullo ao calendario de probas que conformarán a Copa de España, segundo informou a Comisión Delegada da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC).  

Esta segunda cita estará organizada polo coruñés Club Ciclista Riazor e levará por nome  Gran Premio Adro de Vilaño.

A  carreira porá o final o calendario da Copa de España de Ciclismo Paraciclismo 2023, un circuíto de probas que arrancará o 15 de abril en Molina de Segura (Murcia), continuará ao día seguinte en Ceutí (Murcia) e realizará a súa terceira e penúltima xornada o 7 de maio en Bembibre (O Bierzo).

Comentarios