18-F

Ana Pontón promete unha lei de igualdade no deporte

A líder do BNG critica que Rueda "chegue tarde" na crise dos pellets.
Ana Pontón coas xogadoras de Pescados Rubén Burela. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ana Pontón coas xogadoras de Pescados Rubén Burela. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, elixiu un encontro coas xogadoras do Burela-Pescados Rubén de fútbol sala, multicampioas do Estado e da Galiza, para falar sobre a igualdade no deporte e explicar as propostas de goberno do BNG neste ámbito.

Ana Pontón indicou que a igualdade, tamén no deporte, será unha das súas máximas prioridades no goberno que aspira a presidir a partir do 18 de febreiro e, concretamente no ámbito deportivo, avanzou o desenvolvemento dunha lei de igualdade con medidas moi concretas, como combater a fenda de xénero no deporte, cunha partida orzamentaria específica para este fin, ou que os premios ou galardóns financiados con cartos públicos serán iguais para homes e mulleres, coa mesma contía económica e a mesma divulgación.

A líder nacionalista explicou que esta lei tamén contempla outras medidas, como a promoción de plans de conciliación “para que ningunha muller teña que abandonar a súa carreira deportiva para ser nai” ou o impulso dunha representación equilibrada entre homes e mulleres en todos os órganos de dirección deportivos, tanto na Administración como nas federacións, incluíndo a creación dunha comisión de igualdade no deporte que conte cun mínimo dun 50% de representación de mulleres.

Neste sentido, tamén avanzou a creación dun Observatorio de Deporte e Mulleres que permita coñecer o que acontece neste ámbito de actuación e, deste modo, poder determinar medidas eficaces dende a Administración. 

Crise ambiental

Ana Pontón reclamou esta quinta feira desde o encontro coas deportistas en Burela (A Mariña) á Xunta da Galiza e ao Goberno español que abandonen de unha vez por todas a súa “confrontación estéril e inútil” na xestión da crise dos pellets e se poñan a traballar “man a man” para que haxa “máis medios e máis recursos” para retirar a marea plástica do litoral galego, segundo recalcou, “a primeira prioridade” nestes momentos.

A máxima prioridade agora mesmo é a limpeza das praias e a retirada dos pellets plásticos que están chegando canda vez a máis puntos da costa galega, dixo Pontón.

Comentarios