Amadeo Abal e Amador Pena competirán na Carreira Popular do Apóstolo da Laracha

Máis de 300 inscricións confirman o éxito desta proba deportiva que terá lugar o vindeiro 16 de xullo.
Amador Pena (Foto: JM Ferreiro).
photo_camera Amador Pena (Foto: JM Ferreiro).

Entre as probas de atletismo que volven após as restricións sanitarias pola pandemia da Covid-19, esta semana tócalle á Carreira Popular do Apóstolo que organizan a Asociación Adro de Vilaño e o Concello da Laracha, xunto cunha Andaina Saudábel e Solidaria na que a metade da recaudación vai ir en beneficio de Cáritas e a Asociación Española Contra o Cancro (AECC)

O evento, un dos máis agardados do calendario deportivo na Costa da Morte, terá lugar o sábado 16 de xullo en horario de tarde e as inscricións rematarán hoxe tras unha ampliación do prazo previsto que, en principio, tiña o seu final esta segunda feira.

Polo de agora confírmase unha moi boa participación que superou até agora as 300 peticións nesta a súa quinta edición. 

A cota para participar é de 6 euros para as categorías absolutas e gratis para as que corran como menores de idade, incluíndo para todos eles unha camiseta conmemorativa do evento. 

Confirman Amadeo Abal e Amador Pena 

Entre os deportistas que confirmaron a súa presenza están dúas dos grandes favoritos, como son o cambadés Amadeo Abal Chaves, do Club Cárnicas Serrano de Valencia, e o santiagués Amador Pena Torreira, do SD Compostela Atletismo. Aínda que tampouco hai que esquecer a Martin Regueira Rellan.

Desde a organización lembran, a través dun comunicado nas redes sociais, que o cambadés vén de gañar as carreiras pedestres previas de Carnota, Zas e Dumbría, e que o santiagués o fixo en Cee, ademais de ser o vencedor nesta mesma proba nos anos 2019 e 2018 e foi cuarto no 2017.

Mentres Martín está intratábel na distancia de 3K no circuíto 'Correndo pola Costa da Morte'.

Outras participacións que estarán na Laracha

Outros nomes que tamén poden estar a loitar por prazas de podio son o carballés Jose Antonio Señaris Pardo ou o coruñés Aza Ziarni Gattari.

A competición, que conta co apoio da Federación Galega de Atletismo e da Deputación da Coruña, comezará o sábado, a partir das 17.50 horas coa saída das primeiras categorías benxamín e alevín, para seguidamente dar paso ás infantil-cadete (nados entre 2007 e 2010), pitufos (nados entre e 2019) e concluír, ás 19 horas, coas 10K para xuvenís (nados en 2004 ou antes), júniors, promesas, séniores e máster A, B, C, e D.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios