Lugo homenaxea unha atleta ilustre

O VI Cross Ponte Romana, dedicado á súa figura.
Aguilar (segunda pola dereita) colgou as botas a finais de 2019. (Foto: Sportmedia),
photo_camera Aguilar (segunda pola dereita) colgou as botas a finais de 2019. (Foto: Sportmedia),

O Cross Nacional Ponte Romana de Lugo-GP OptiPro alcanza esta fin de semana a súa sexta edición, que adquirirá un carácter moi especial por estar dedicada a Alessandra Aguilar, considerada a mellor atleta lucense de todos os tempos e unha das grandes especialistas tanto do campo a través como no maratón xa non da Galiza, senón do conxunto do Estado. 

Olímpica nos Xogos de Pequín 2008, Londres 2012 e Río de Janeiro 2016, entre os seus logros destacan o primeiro posto no prestixioso maratón de Hamburgo (2009), a súa quinta posición na mesma modalidade no Mundial de Moscova (2013) -a máis alta xamáis conseguida por unha galega- ou as dúas horas e 27 minutos nos que completou o maratón de Rotterdam (2011), a súa Mellor Marca Persoal na distancia, ficando a un só segundo de rachar co récord da Galiza que desde 2002 posúe María Abel Diéguez. 

Nun primeiro momento o certame ía ter lugar os días 21 e 22 de xaneiro do presente ano, mais a organización decidiu adialo ao 4 e 5 de novembro para "evitar conflitos de calendario", resituándoo no inicio da tempada de cross.

Con respecto ao formato da proba, mantense a distribución en dúas xornadas que a vén caracterizando coa idea de "dar cabida a todas as modalidades de remudas mixtas o sábado 4 de novembro" e, como novidade, incluír a distancia de 5 quilómetros para os cross absolutos "debido ao apertado do calendario e co obxectivo de atraer ao maior número de atletas e así aumentar o espectáculo nas competicións individuais".

As estimacións máis optimistas calculan que arredor de 1.500 deportistas de todas as idades serán da partida, entre as que se inclúen competidores e competidoras do nivel de Adrián Ben, Mehdi Elnaboui, Xela Martínez, Agueda Marques, Elian Numa, Teo de Frutos ou Laura Santos. 

Máis carreiras en Muros, O Barco e Negreira

A da Cidade da Muralla non é a única proba atlética popular da fin de semana, pois o sábado 4 de novembro Muros acollerá a X Carreira Soliaria da Piscina Municipal, mentres que xa o domingo día 5 están programadas a XV Carreira Popular dos Santiños (O Barco de Valdeorras) e a XLII Carreira Popular de Negreira, máis coñecida no mundiño como A Clásica.

Comentarios