O atletismo galego inaugura a tempada de campo a través

Foz acolle o Campionato Xunta da Galiza.
O Club Adas do Barco é o favorito a reeditar o triunfo de 2022. (Foto: Adas Cupa).
photo_camera O Club Adas do Barco é o favorito a reeditar o triunfo de 2022. (Foto: Adas Cupa).

Esta semana chegaron á Galiza as primeiras choivas de intensidade da estación de outono e, con elas, tamén arranca a tempada de pista cuberta no deporte do atletismo, que xunto coas probas disputadas campo a través marcarán a tónica competitiva até a próxima primavera.

Precisamente o Campionato Xunta da Galiza de Clubs desta última modalidade marcará o comezo da campaña 2023/24, un evento que reunirá os e as mellores especialistas das categorías Sub-16, Sub-18, Sub-20, Sub-23, absoluta e de remudas mixtas o próximo domingo, día 22 de outubro, no Pavillón dos Castros de Foz.

Baixo a organización do local Club Atletismo Ría de Foz e da Federación Galega de Atletismo (FGA), o disparo de saída escoitarase ás 10.30 horas da mañá, cando entrarán en acción preto de 300 atletas masculinas e femininas, encadradas en 55 conxuntos diferentes procedentes de todos os recunchos co país, como Celta de Vigo, a Sociedade Deportiva Compostela, Sada, MillaRaio do Milladoiro, Ribadeo, A Purísima de Ourense, Ferrol Atletismo, Riazor Coruña ou a Sociedade Ximnástica de Pontevedra.

No plano individual está confirmada a asistencia a Foz de importantes figuras do atletismo galego e estatal. Entre as mesmas estará a internacional Xela Martínez, da Atlética Lucense, quen recentemente anunciou que esta será a súa última tempada na Galiza, xa que fará as maletas para formarse e competir nos Estados Unidos de América coa Universidade de Carolina do Norte.

Alén de Xela, tamén destacan a campioa de España Sabela Castelo (Ximnástica), Amparo Corredoira (Atlética Lucense) ou Teo de Frutos (Caixa Rural).

Con respecto aos clubs, Adas Cupa -que ten sede no Barco de Valdeorras- aspira a repetir na categoría absoluta e de remudas mixtas os títulos logrados o ano pasado, para o cal terá tanto a Iria Fernández como a María Cedrón e Akka Essaadaoui como primeiras espadas dos seus respectivos equipos.

No resto de categorías, Atlética Lucense, vixente campioa, volve ser favorita para reeditar os triunfos en ambas as categorías  Sub-18 e na feminina Sub-16, mentres que a modalidade masculina nesa franxa de idade está algo máis aberta, xa que tanto Fogar como A Purísima, Riazor, Ximnástica, ou Sada poderían gañar a medalla de ouro.

Máis en DEPORTES
Comentarios