Adrián Ben busca en Budapest un posto na gran final do Mundial

O de Viveiro disputa as semifinais no día de hoxe
O atleta de Viveiro, Adrián Ben, estará en Santiago o 16 de abril (Foto: Adidas).
photo_camera O atleta de Viveiro, Adrián Ben, estará en Santiago o 16 de abril (Foto: Adidas).

Adrián Ben disputa hoxe as semifinais dos 800 metros lisos do Mundial de Atletismo que se está desenvolvendo na capital de Hungría, Budapest, desde o pasado día 19 de agosto.

O de Viveiro alcanzou o penúltimo chanzo antes da finalísima logo de protagonizar unha exhibición na súa serie, na que se impuxo con contundencia a pesar de chegar co cuarto mellor tempo de entre os nove participantes.

Nunha carreira na que sempre estivo cómodo, o vixente campión de España ao aire libre e de Europa en pista cuberta arrancou desde a rúa nove sen importarlle ter enfronte nomes do nivel de Rowden, Hoppel ou Roctich. Tras comezar nos postos traseiros, unha vez que escoitou a campá da última volta activou o turbo e comezou a remontar, posto tras posto, desde a sétima posición, distanciándose dos seus competidores a falta de 100 metros para cruzar primeiro cun tempo de 1.45.37.

Ás semifinais de hoxe -participará na terceira, programada ás 21.08 horas da Galiza- chega co sexto mellor rexistro da tempada de entre os nove participantes (1.44.72), por detrás do italiano Simone Barontini (1.44.50), o francés Yanis Meziane (1.44.30), o estadounidense Bryce Hoppel (1.43.95), o británico Max Burgin (1.43.85) e o keniata Emmanuel Wanyonyi (1.43.27), quen ocupa o quinto posto nun ránking mundial no que o atleta galego figura no posto número 16.

De conseguir un posto na finalísima volvería saltar por terceira e última vez ao tartán do Nemzeti Atlétikai Központ de Budapest o sábado 28 de agosto ás 20.30 horas, onde aspiraría a mellorar a súa mellor clasificación histórica nun Campionato do Mundo ao aire libre, que se remonta ao que tivo lugar en Doha (Qatar) no ano 2019, cando rematou na sexta posición cun tempo de 1.45.58.

Comentarios