“Non me rendín nunca”: o viveirense Adrián Ben, sexto na final de 800 metros no Mundial de Atletismo de Doha

Fixo un tempo de 1:45:58. Entrou no último tramo da carreira no último posto mais foi quen de superar dous rivais.

adrian ben imaxe da RFEA
photo_camera Foto: RFEA

Adrián Ben, de Viveiro, é o primeiro galego e o segundo atleta do Estado español en correr unha final de 800 metros nun mundial. Fíxoo na noite desta terza feira en Doha, Qatar, onde finalizou sexto, cun tempo de 1:45:58.

Da última curva nesta carreira Adrián Ben saíu en último posto, e cando soou a campá que indica a derradeira volta desta proba parecía que o viveirense ía finalizar nesa posición, mais remontou dous competidores e acabou sexto.

“Non me rendín nunca. Pensei que non chegara até aquí para volver a casa cunha última praza. O cansanzo acumulado bateume un pouco máis hoxe na final. A miña idea era facer a miña carreira e que saíse o que saíse. Sinto un orgullo incríbel”, dixo Ben finalizada a carreira. Este foi o seu primeiro Mundial absoluto. Ben xa ten a conta mínima para correr nos Xogos Olímpicos de Tokio de 2020.

Na final de 800 metros a medalla de ouro foi para Donavan Brazier, mentres que prata e bronce foron para Amel Tuka e Ferguson Cheruiyot Rotich.

Comentarios