Adrián Ben aspira a facerse cun posto na final do 800

O galego clasificouse con comodidade.
Ben logrou "sacar a espiña" da prematura eliminación no Mundial. (Foto: FC Barcelona)
photo_camera Ben logrou "sacar a espiña" da prematura eliminación no Mundial. (Foto: FC Barcelona)

Adrián Ben está de volta. O de Viveiro, que o pasado ano 2021 alcanzou o quinto posto nos Xogos Olímpicos de Toquio, sufriu unha importante decepción no recente Mundial de Eugene -a finais de xullo-, onde quedou eliminado nas súas series clasificatorios tras rematar en cuarta posición na súa carreira.

Agora, catro semanas despois, todo cambiou para Ben, pois superou con solvencia a primeira rolda no Campionato de Europa de Atletismo que se está a disputar na localidade alemá de Múnic.

Alí entrou en acción na cuarta e última das series, rematando en segunda posición cun tempo de 1.47.64. O atleta de 24 anos adoptou unha estratexia moi táctica, pois optou por situarse nas últimas posicións durante a primeira volta, reservando unhas forzas que exhibiu unha vez que soou a campá anunciando o último percorrido.

Desde ese momento comezou a recuperar postos na clasificación, superando incluso o neerlandés Tony van Diepen, que foi medalla de prata nos 4x400 tanto nos últimos Campionatos do Mundo en pista cuberta e aire libre así como nos Xogos Olímpicos.

Finalmente, o único que foi quen de resistirse ao ataque do de Viveiro foi o belga Eliott Crestan. Agora, Adrián Ben xa repón forzas de cara a unhas presumibelmente complicadas semifinais, programadas para as 20.27 horas do día de hoxe.

Ben expresou despois da carreira a súa "felicidade" por ser quen de "sacar a espiña" da eliminación do Mundial, non sen recoñecer que estaba "bastante nervioso". Declarou estar en bo estado de forma, e confesou que nos últimos 100 metros pensou por un momento na eliminación, pero que aplicou "as técnicas aprendidas ultimamente" para conseguir a remontada. Con respecto ás súas posibilidade de meterse na final, dixo que primeiro hai que pensar na carreira de hoxe (20.27 horas), pero "loitará" por conseguilo.

Sieiro e Mosquera, finalistas no Piragüismo

Sen saír de Múnic, no día de onte tamén tivo lugar o comezo do Campionato de Europa de Piragüismo. Alí, Adrián Sieiro en C-2 500 e Adrián Mosquera en VL3 200 lograron avanzar até a Final 'A'. Pola súa parte, o asturiano, Pelayo Roza, pero que defende as cores do Fluvial de Lugo, conseguiu clasificarse para as semifinais no K-2 500.

Comentarios