martes 03/08/21

Cantero deixa o Lugo vivo ante o Albacete

O porteiro detivo un penalti no 88' e o equipo durmiu fóra de descenso.
lugo_puma_cdlugo
O 'Puma' Rodríguez celebra o gol anotado en Albacete (Foto: CD Lugo)

Albacete e Lugo empataron (1-1) nun duelo directo pola permanencia. Os lucenses adiantáronse cun gol do panameño José Luís Rodríguez pero Ortuño -xusto antes do descanso- estabeleceu o empate. Os locais, que seguirán de fechacancelas, puideron gañar, mais o porteiro albivermello, Cantero, parou un penalti lanzado por Álvaro Jiménez no minuto 88. Un resultado final que permitiu ao Lugo saír provisionalmente do descenso con este punto.

O partido comezou con dominio visitante e froito diso foi unha opción de gol para Alende, pero o balón terminou en saque de esquina no minuto 10. A réplica local chegou na seguinte xogada cun remate de Álvaro Jiménez que Cantero enviou a córner. No minuto 24 foi o gol lucense. Un saque en longo do meta visitante prolongouno de cabeza Manu Barreiro chegando o balón a 'Puma' Rodríguez. O dianteiro panameño bateu a Bernabé nunha xogada que foi revisada polo VAR por posíbel fóra de xogo que non foi.

O Albacete non se veu abaixo e alcanzou a igualada pouco antes do tempo de descanso. Unha saída á contra do quipo albaceteño conducida por Álvaro Benito terminou cun bo servizo de Caballo sobre Ortuño para que o murciano levase o esférico sen parar á rede lucense.

Ocasións para os dous

Tras o paso por vestiarios, o partido foi de ida e volta, xa que o empate era un mal resultado para ambos os dous equipos. Neste intercambio de golpes, 'Puma' Rodríguez e Juanpe, en dúas ocasións, puideron pór o 1-2 no marcador. Pola súa banda, Zozulia errou de forma clamorosa un bo servizo de Tana. 

Corría xa o minuto 87 cando un centro acabou co visitante Alende dándolle o balón no brazo. Álvaro Jiménez colleu a responsabilidade, mais Cantero conseguiu adiviñar o lanzamento desde os once metros, que  foi ao centro da portaría. 

Xa en tempo de prolongación, Jean Jules e Ortuño estiveron moi preto do gol da vitoria, mais o marcador de 1-1 non se volveu mover.

Agora, nas últimas dúas xornadas da competición, o Lugo conta con seis puntos en xogo para poder salvarse. Primeiro recibirá o Cartagena no Anxo Carro o 24 de maio e, posteriormente, na derradeira xornada da liga, que se disputará o día 30 de maio, visitará o campo do Rayo Vallecano.

comentarios