Atletismo

Aberto o prazo de inscrición para o 'Coruña Corre' 2024

O circuíto de carreiras regresa con novidades.
P_Suceso_1453823513123_1099934327828_1200_1280_U_3e8d3eb7578e48193b38168c184de9d5
photo_camera P_Suceso_1453823513123_1099934327828_1200_1280_U_3e8d3eb7578e48193b38168c184de9d5

O Concello da Coruña declarou oficialmente aberto na terza feira o prazo de inscrición para o XI circuíto de carreiras populares 'Coruña Corre', que comezará o sábado 23 de marzo coa XII Carreira Popular da Torre-Trofeo J.A. Varela Calviño. 

As persoas interesadas poderán apuntarse ao conxunto das sete probas ou de maneira individual, sendo unha das principais novidades a inclusión de Xuxán dentro da carreira de Matogrande, que terá lugar o 15 de setembro. Ademais, o pasado 25 de febreiro, durante o Medio Maratón C21, tivo lugar a proba 5K que serve de toma de contacto para o circuíto 'Coruña Corre'.

A antedita Carreira Popular da Torre, única proba nocturna no programa, servirá tamén para conmemorar o 15 aniversario do faro romano como Patrimonio da Humanidade.

Esta, que constará de 6.350 metros de extensión, partirá do paseo dos Menhires e transcorrerá polo paseo Marítimo até as instalacións do Oceanográfico, onde as persoas participantes darán volta para chegar até os pés da Torre de Hércules. 

Paralelamente desenvolveranse as carreiras para menores de idade, cun total de seis categorías, no paseo dos Menhires, con circuítos que irán dos 150 aos 800 metros de distancia. Ademais, está prevista a IV Andaina Conmemorativa do Día da Muller, denominada, 'Xuntas somos imparábeis', que terá a inscrición totalmente gratuíta.

Neste e no resto de eventos do circuíto poderán participar atletas populares e federados, elevándose os prezos para inscribirse até os 24 euros, 19 no caso das desempregadas, con máis de 65 anos ou posuidoras do Carne Xove, sendo de balde para as menores de idade. Con todo, o custo de correr unicamente a Carreira Popular da Torre e non a totalidade do 'Coruña Corre' será de cinco euros. 

Sobre os horarios, o Concello herculino confirmou que as probas de base comezarán ese sábado 23 a partir das 17 e rematarán ás 18.30 horas, sendo a entrega de premios para as persoas gañadoras ás 19.10 horas no podio situado no Frontón da Torre. Un pouco máis tarde, arredor das 20 horas, escoitarase o disparo de saída da carreira absoluta, sendo a cerimonia de premios ás 21.15 no mesmo lugar que para as inferiores. Finalmente, a andaina comezará cinco minutos despois da carreira absoluta. 

Comentarios