A cancelación do Coruña 42 deixa a Galiza sen maratóns

Inés Rey confirma que non se volverá disputar
Mónica Cheruto foi a derradeira gañadora da proba herculina. (Foto: Concello da Coruña).
photo_camera Mónica Cheruto foi a derradeira gañadora da proba herculina. (Foto: Concello da Coruña).

A Galiza queda sen maratóns 'oficiais' neste 2023, logo de que a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciara en Onda Cero a cancelación dun certame que este ano alcanzaría a súa décima edición.

A rexedora alegou que a carreira tivo en 2022 " a cifra de participantes máis baixa das nove edicións organizadas até o momento, con 406", trazando unha comparación cos 952 que tomaron a saída 2012.

Para ela, o problema coa Coruña 42 non só é que a cifra de participación fose "baixísima", senón que ademais é a proba "que máis impacto ten na cidade, hai que cortala enteira, e supón un elevadísimo custe e un colapso para 406 persoas", dixo tratando de xustificarse.

Inés Rey avogou por "repensar" esta carreira, porque supón "un investimento moi elevado". "Queremos que sexa máis atractiva, que congregue máis atletas e que xustifique o elevado gasto e a paralización da cidade", indicou, engadindo que o Goberno local chegou á conclusión de que "non compensaba" organizar a Coruña 42 en 2023, a pesar de que incluso abriu un proceso de inscrición que non tardou en paralizar.

En total, e como lembrou a alcaldesa, a IX edición do maratón herculino contou con 406 corredores e corredoras, unha cifra que representa un descenso de case 20% con respecto á última edición levada a cabo antes da pandemia, no ano 2019. Desta forma, e polo de agora, os últimos nomes inscritos nos libros de historia do certame son o do kenyano Richard Rop e o da súa compatriota Mónica Cheruto. Ambos racharon, ademais, cos récords da proba.

Conta atrás para o XXXVI Gran Premio Cantóns

Quen, afortunadamente, continuará a súa traxectoria en 2023 é o Gran Premio de Marcha Atlética Cantóns da Coruña-Trofeo Sergio Vázquez.

O veterano certame vén de anunciar os seus horarios, estando prevista a saída dos 20 quilómetros femininos ás 17 horas da tarde e a dos masculinos ás 19. No medio de ambas as carreiras, como vén sendo habitual, arrancará unha proba internacional de 10 quilómetros con presenza só de marchadores convidados.

Nesta ocasión o favoritismo recae sobre os ombreiros da campioa olímpica Liu Hong, a peruana Kimberly García e do sueco Perseus Karlstrom.

Comentarios