Fútbol | 1ª División

A PREVIA | O Celta quere desbaratarlle a festa ao Mallorca

A escuadra celeste tratará de volver cos puntos do primeiro partido no novo Son Moix.
A última ocasión na que o Celta logrou o triunfo ante o Mallorca como visitante foi hai máis de 20 anos, o 10 de xaneiro de 2004 (Foto: LFP).
photo_camera A última ocasión na que o Celta logrou o triunfo ante o Mallorca como visitante foi hai máis de 20 anos, o 10 de xaneiro de 2004. (Foto: LFP).

Lembran o Centenariazo? O Real Madrid acollía na súa casa, o Santiago Bernabéu, a final dunha Copa do Rei de 2002 organizada á súa medida no día en que celebraba os seus 100 anos de vida. Non obstante, ao seu rival, o Dépor, deulle por gañar e deixar a afección e os futbolistas brancos sen unha festa da vitoria que xa estaba organizada antes de xogar. O que viría sendo, tal e como diría o druída Panoramix nas 12 Probas de Astérix, "vender a pel do xabaril antes de cazalo". 

Salvando todas as distancias, o Real Club Celta ten hoxe a posibilidade de emular en certa forma aquela troleada histórica, pois ás 16.15 horas de hoxe colide cun Mallorca que festexa a inauguración do reformado estadio de Son Moix.

Castillos inchábeis, rocódromo, circuíto de scooters, tiro con arco, xogos populares, futbolín xigante, obradoiro de pinturas faciais, paellada gratis para 2.000 persoas, música ao vivo por parte de DJ Aina Losange, Marc Seguí, a Banda Municipal de Música de Palma, a Orquesta Sinfónica de Baleares e o coro de Son Dameto, acompañado dos típicos balladors, e mesmo un espectáculo dun paracaidista que aterrará dentro do campo portando a bandeira do conxunto bermellón son só algunhas das actividades que amenizarán a previa do encontro ás 26.000 persoas que se prevé enchan o renovado Son Moix.

O conxunto olívico, alleo aos fastos locais, agarda que os futbolistas contrincantes se empapen da troula nas bancadas para asinar o seu terceiro triunfo consecutivo, algo que non logra desde hai xusto dous anos, cando entre decembro de 2021 e xaneiro de 2022 superara Espanyol e Betis na Liga e fixera o propio co Betis na Copa.

De conseguilo -non acontece desde o 10 de xaneiro de 2004, con Berizzo, Gustavo López, Milošević e compañía aínda vestindo a celeste- daría o sorpasso na clasificación a un Mallorca que é rival directo na loita pola salvación, pois os insulares son décimo cuartos con 18 puntos, mentres que os galegos son décimo sétimos con 16.

Para, por fin, acabar con máis de 20 anos de seca, Benítez podería formar con Guaita; Mingueza, Unai Núñez, Carlos Domínguez, Manu Sánchez; Tapia, Beltrán, Jailson, Williot Swedberg, Iago Aspas e Larsen.

Comentarios