sábado 30.05.2020

Os 6 mellores xogadores na historia da selección galega

Os equipos galegos do fútbol de elite están a piques de volver logo do parón provocado pola COVID-19, mais continúa sen albiscarse no horizonte unha data para o regreso da Irmandiña.
Iago Aspas no encontro da selección galega ante Venezuela (Foto: RFGF).
Iago Aspas no encontro da selección galega ante Venezuela (Foto: RFGF).

As probas da COVID-19 realizadas o cadro de xogadores de Lugo, Deportivo e Celta esta semana son un paso fundamental para o regreso do fútbol de elite despois da cancelación da competición pola expansión do coronavirus o pasado mes de marzo.

Logo de máis de dous meses sen fútbol, nos que as máis futboleiras aplacaron o mono devorando partidos clásicos nas diferentes canles de televisión, desde aquí propoñémosvos un exercicio de nostalxia cun punto reivindicativo, pois lembramos seis dos mellores xogadores na historia da selección galega, da que ao contrario do que acontece coa Liga de Fútbol Profesional, non se albisca no horizonte unha data para o seu retorno inmediato.

E como disque todos e todas levamos dentro un técnico, cales son para vós os mellores xogadores que defenderon as cores da Irmandiña?

6.Denis Suarez

Talento desde o berce. O de Salceda de Caselas foi recrutado polo poderoso Manchester City con só 17 anos no ano 2011, defendendo desde entón as cores do equipo inglés e de Sevilla, Villarreal e Fútbol Club Barcelona.Denis-Suarez

Foi precisamente sendo xogador blaugrana, en maio de 2016, cando debuta coa selección galega no partido que enfrontou Galiza con Venezuela en Riazor (1-1).

O talentoso centrocampista xoga desde comezos desta tempada no clube dos seus amores, o Real Club Celta.

5. Juan Acuña

Juan Acuña, tamén coñecido como o gato de Riazor ou Xanetas, conquistou moitos logros ao longo da súa brillante carreira, como catro trofeos Zamora, ou o impresionante rexistro de 424 partidos xogados como deportivista repartidos en 17 tempadas ininterrompidas.Juan-Acuña

Igual que Denis Suárez, coa Irmandiña xogou un só partido, cando contaba con só 16 anos, nun partido que enfrontou Galiza co Racing de Ferrol e que rematou con derrota do conxunto departamental por 1-4.

4. Michel Salgado

O de As Neves ten un dos palmarés máis impresionantes do fútbol galego, conformado por catro ligas, dúas Copas de Europa, dúas Supercopas de España, unha Supercopa de Europa, unha intercontinental e unha Eurocopa Sub-21.

Lenda de Real Madrid e Celta, foi xunto a Fran o último adestrador da selección galega, en 2016, e como xogador formou parte do regreso da Irmandiña en 2005, asistindo a Deus para que marcase o segundo gol do combinado galego.

3. Lúcas Pérez

A referencia ofensiva do último partido da selección galega até o día de hoxe, ante Venezuela en 2016 (1-1) é un home sinónimo de gol que leva máis de 40 tantos as súas costas nas últimas cinco tempadas, a pesar dos escasos minutos que disputou na súa aventura inglesa, primeiro no Arsenal e logo no West Ham.Lúcas-Pérez-con-Iago-Aspas

Aínda que o destino separou os seus camiños logo do dramático descenso de 2018, o nome de Lúcas Pérez estará sempre ligado o do Dépor, o equipo da cidade que o veu nacer e co que competiu en tres tempadas distintas, nas que anotou 31 tantos.

2. Luís Otero

“Como xogaba Otero? É difícil facerse unha idea, pois Otero era único. A súa escola non podía ter imitadores, porque para practicala facía falta ser Otero”. O autor desas declaracións é o lendario gardameta Ricardo Zamora, que compartiu vestiario co galego e tamén se enfrontou a el en innumerábeis ocasións.Monumento-a-Luís-Otero

Xogador de Celta e Dépor e merecedor dun monolito no estadio de Riazor, coa selección galega foi un dos xogadores que mais defendeu as cores da Irmandiña, disputando seis encontros e un total de 415 minutos.

1.Iago Aspas

O príncipe das bateas, o mellor dianteiro do Estado español nos últimos cinco anos, don Iago Aspas Juncal é sinónimo de Celta, tanto como Balaídos, Vicente ou Quinocho. Lenda viva do clube, para moitos é xa o mellor xogador da historia celeste.

Por idade, coa irmandiña só puido disputar o partido contra Venezuela en 2016, anotando o único tanto galego logo de aproveitar un rexeitamento dun disparo doutro canteirán do Celta, Jota Peleteiro.

comentarios