'Os 100 dos International Trekkers' volve a Boiro

A proba de ultrafondo terá lugar en xuño, os días 24 e 25.
A organización xa está preparando o percorrido (Foto: Nós Diario)
photo_camera A organización xa está preparando o percorrido (Foto: Nós Diario)

Os 100 dos International Trekkers, a primeira proba de ultrafondo da Galiza e unha das máis importantes no calendario estatal de ultradistancia, volverá ao Barbanza os vindeiros 24 e 25 de xuño. A VIII edición presentouse esta cuarta feira e tivo como anfitrión a Boiro.

A proba consiste en camiñar ou correr un percorrido sinalizado e balizado de 100 quilómetros por sendeiros, camiños, pistas e corredoiras polos sete concellos do Barbanza en menos de 24 horas. Os participantes só fan breves paradas nos avituallamentos, polo que están en marcha constantemente.

Como novidade, este é o primeiro ano en que Os 100 do Barbanza forma parte da I Liga Xunta da Galiza da Federación Galega de Montañismo e da Liga Ibérica de Sendeirismo 2023, esta última aberta a participantes do Estado español, Andorra e Portugal.

Organizado polo Club Deportivo International Trekkers Barbanza Sar, a proba naceu en 2014 no Concello de Boiro e despois pasou por Rianxo (2015), Pobra do Caramiñal (2016), Noia (2017), Ribeira (2018), Porto do Son (2019) e Lousame (2022).

Como consecuencia da situación sanitaria non se realizou nos anos 2020 e 2021. As inscricións desta edición abriranse o 3 de marzo. 

Percorrido “senlleiro”

Unha vez completados os sete concellos como anfitrións, a proba volve iniciar o ciclo en Boiro. Segundo a organización, nos últimos anos participaron case 300 persoas “e remataron aproximadamente o 80% delas, o que amosa o nivel de desafío que supón esta proba”.

Esta edición terá unha subida acumulada de 2.600 metros, e contan con que as primeiras e os primeiros cheguen nun tempo de arredor de 10 horas. Como outros anos, o percorrido pasa por lugares senlleiros da xeografía do Barbanza coa idea de “pór en valor os atractivos turísticos da comarca: desde castros, como a Croa de Posmarcos, a Punta Ostreira ou o Castro do Neixón, mámoas como a Cova da Moura ou a Casota do Páramo, petróglifos coma a Laxe da Cabra, ou miradoiros como A Curota, o Monte San Lois ou o Castro Barbudo, pasando por praias emblemáticas como a da Cabío ou a de Barraña”.

Ademais, visitará o Barrio dos Cataláns, na Pobra, e cruceiros, fontes e hórreos das 25 parroquias que atravesa.

Comentarios