Guiado por Xurxo Souto

A rota das concertinas que une a Galiza e Portugal

A rota das concertinas xunta sendeirismo, música e descuberta da paisaxe e da tradición entre a raia da Galiza e Portugal. Este evento realizarase o día 7 de agosto cunha ruta guiada polo músico e escritor Xurxo Souto que percorrerá o camiño tradicional entre as aldeas de Olelas e O Ribeiro de Abaixo, con paradas musicais para tocar e partillar historias. Souto será ademais nomeado Arraiano de Honra.

Xurxo Souto
photo_camera Xurxo Souto

A concertina, tamén coñecida como acordeón diatónico, será o instrumento condutor do roteiro que o escritor e músico Xurxo Souto guiará o vindeiro 7 de agosto e no que se unirá o sendeirismo e a música coa recuperación dun camiño histórico que serviu de ponte de unión entre as dúas localidades da raia, a Olelas galega e O Ribeiro de Baixo en Portugal.

A rota das concertinas partirá dese Terrachán, en Entrimo -cuxo Concello é organizador do evento xunto a Central Folque- ás 9 horas da mañá, para desprazar as e os participantes nun microautobús até Olelas, “aldea musical e centro neurálxico da concertina”, como definen desde a organización. Desde esta aldea arraiana camiñarase nunha ruta de dificultade media-baixa, apta para maiores e crianzas, até o Ribeiro, en Portugal.

“Descobriremos a xeografía galega, o Quinxo e a música galego-portuguesa, porque é exactamente igual a que se fai en ambas as aldeas", sinalou Souto

En declaracións a Sermos Galiza, Souto explica como xurdiu a idea de organizar este evento, que naceu precisamente na apresentación na escola de Olelas do libro que este músico escribiu con Pedro Pascual baixo o título Sindo de Olelas. Concertina galega. Nese acto comentárase de recuperar o vello camiño que une aldea galega coa portuguesa do Ribeiro, ao outro lado do río. Son sete quilómetros que até hai anos transitaban a diario, mais coa construción do encoro de Lindoso, non se puido construír ningunha pista asfaltada neste camiño, e agora a estrada remata en Olelas, “a fin do mundo na raia”, como a denominan algunhas veciñas e veciños.

Así, o camiño quedou no esquecemento e con el a fermosa paisaxe que o rodea, entre o río e as fervenzas.

Precisamente esa ruta é a que van repetir, facéndoa tal e como a realizaban no pasado, coa concertina ao lombo, contando historias e tocando, “como fixeron sempre”, sinala Souto.

O camiño quedou no esquecemento e con el a fermosa paisaxe que o rodea, entre o río e as fervenzas

“Descubriremos a xeografía galega, o Quinxo e a música galego-portuguesa, porque é exactamente igual a que se fai en ambas as aldeas. Coñeceremos ademais historias moi fermosas nunha aldea na que moita xente tivo que emigrar a Francia”, engade. De feito salienta que “no verán en Olelas só hai dúas linguas: o galego e o francés”.

O prezo de inscrición é de 15 euros para adultos e 10 para crianzas, e debe realizarse a través do correo electrónico [email protected]. O aloxamento é de balde para as persoas que queiran ir a noite antes

III Encontros arraianos de cinema rural

A rota das concertinas está enmarcada na celebración dos III Encontros arraianos de cinema rural do 7 e 8 de agosto. Así, as actividades continuarán en Entrimo na quinta feira día 8 ás 18.30 horas, cun paseo en burro pola Alameda de Terrachán e co acto de Nomeamento Arraiano Maior da Raia Seca 2019 a Xurxo Souto coa entrega da Aguillada arraiana por Quico Cadaval, quen recibiu o mesmo nomeamento no ano anterior.

A rota das concertinas está enmarcada na celebración dos III Encontros arraianos de cinema rural do 7 e 8 de agosto

Apresentarase tamén a revista cultural O Picaraño e Quico Cadaval apresentará Contos de Contrabando, e xa ás 23 horas empezará o cine ao aire libre na alameda de Terrachán.

Comentarios