Zas acolle unha xornada sobre Francisco Romero Lema

Realizarase un roteiro literario-artístico pola parroquia baiesa visitando os lugares de referencia da familia Romero Lema. 
Francisco Romero Lema.
photo_camera Francisco Romero Lema.

O Comité organizador dos actos do Centenario do Seminario de Estudos Galego, dependente do Museo do Pobo Galego, escolliu Baio para a organización dun acto no que se honrará a Francisco Romero Lema, veciño da vila e un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos. 

O acto, que está aberto ao público, terá lugar ao longo da mañá de hoxe no Auditorio de Baio e, xa pola tarde, a partir das 16.30 horas, realizarase un roteiro literario-artístico pola parroquia baiesa visitando os lugares de referencia da familia Romero Lema. 

 

Programa 

Ás 10.30 horas terá lugar o <cto inaugural das xornadas no que intervirán o Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, e Xosé Mª Lema, en calidade de representante do Padroado do Museo do Pobo Galego para o Centenario do S.E.G. en Baio. A continuación, Manuel Vilar Álvarez, director do Museo do Pobo Galego, falará sobre o Seminario de Estudos Galegos, fundado en 1923. 

A seguir, Xosé María Rei Lema pronunciará unha conferencia que versará sobre a “Vida e obra de Ramón Francisco Romero Lema. A fundación do S.E.G. segundo a súa versión”. 

Ás 12.30 haberá unha mesa redonda sobre a familia Romero Lema de Baio na que intervirán Xosé Luis Axeitos, académico numerario da Real Academia Galega, Braulio Pérez Astray, director adxunto da Fundación Universidade da Coruña, e Xosé Mª Lema, historiador e académico correspondente da RAG. A mesa estará moderada por Jorge Mira Pérez, presidente da Comisión Enrique Labarta para as Letras Galegas. 

Ás 13.30 horas inaugurarase unha vitrina na que se mostrarán as obras publicadas por Francisco Romero Lema. E xa pola tarde, decorrerá o roteiro literario e artístico pola parroquia de Baio. 

Comentarios