Cultura

Manuel Vilar: "A identidade non é algo ancorado, atópase en construción continua"

O historiador e antropólogo Manuel Vilar, director desde hai un ano do Museo do Pobo Galego, conversa con Nós Diario sobre a situación que atravesa o espazo e seu papel de "servir a sociedade, mesmo en momentos difíciles" como o que atravesamos. 
O historiador e antropólogo Manuel Vilar [cedida].
photo_camera O historiador e antropólogo Manuel Vilar [cedida].
Coincidindo –por casualidades do azar– co Día dos Museos, moitas destas institucións comezaron a retomar a súa actividade após a parada provocada pola COVID-19. Manuel Vilar, actual director do Museo do Pobo Galego (MPG), repasa con Nós Diario a importancia social destas entidades e como afrontan a chegada da nova normalidade.

Moitas persoas descoñecen que o MPG é unha entidade de titularidade privada, se ben ten unha clara vocación de servizo público. Cal considera vostede que é a súa función?

A función deste museo, como de todos os museos, é servir a sociedade. O que pasa é que cando xorde o MPG o stablishment non tiña esa actitude para crealo e foi unha iniciativa social civil a que fixo que un museo privado teña esa función pública que moita xente identifica cun espazo máis da Administración, cando non o é. Pero a función, como digo, é servir a sociedade, mesmo en momentos difíciles. 

En que se concreta esa función?

O noso é, sobre todo, un museo de memoria. Temos obxectos vencellados á memoria das persoas, en especial daquelas que non tiveron quen lles escribise a historia. Recollemos, nese senso, obxectos da vida particular e do traballo, que teñen unha sensibilidade especial, para que a xente recupere ou poida redeseñar a súa memoria cada vez que nos visita.

En canto ao papel que xogan na sociedade, cre que nos últimos anos se modificou?

Ese sería un proceso longo de explicar. Penso que houbo un afán de darlle protagonismo a un determinado tipo de museos, de entrar, digamos, nunha rede internacional de turismo de museos, sobre todo nos de arte. Mais eu creo que iso xa pasou un pouco á historia, xa é máis ben algo da década dos 90, que podías ver aquí o mesmo que en Nova York. Para min, o fundamental dos museos é mostrar a historia. Primeiro, para os propios, para que a entendan, a coñezan e a perciban mellor, e en segundo lugar para os outros, para que poidan comparar. Así, a súa función é ofrecer elementos para analizar e poder confrontar a túa identidade coa dos demais. Dese modo teremos unha identidade en construción continua, que é tamén labor dos museos. A identidade non é algo que permaneza ancorado, senón que se atopa en construción todos os días.

"Somos a memoria das persoas que non tiveron quen lles escribise a historia"

O ano pasado celebramos as Letras de Antonio Fraguas, unha persoa moi importante para o MPG. Que outros nomes destacaría na museoloxía galega?

Para alén do propio Fraguas, que estivo vencellado ao Seminario de Estudos Galegos e á fundación deste museo, salientaría Xaquín Lorenzo, que para min é unha persoa chave na etnografía dos chamados estudos da cultura material, que se refiren a estes obxectos vinculados á vida cotiá, ás persoas máis humildes, que os levou de seren utensilios que poden estar na cociña ou na casa  da calquera a se transformaren en documentos históricos, que falan da historia da xente que os utilizou. El tamén estivo en relación co Seminario de Estudos Galegos e foi un dos propulsores dese museo etnográfico.

Que o leva a vostede persoalmente a se vencellar ao museo?

Eu coñecía persoalmente o anterior director, que me convidou a vir aquí un día axudalo. Pero o da historia local é un campo que sempre me interesou. A historia sinxela, a historia da xente. Non a grande historia, o gran relato, senón o da xente traballadora, iso é o que me atrae.

Eu procedo do mundo rural e, polo tanto, andei coas cousas que están aquí. Porén, agora temos tamén unha función importante nesa dimensión. Cando se abriu este museo tiña unha vertente contemporánea, todos os galegos coñecían, aínda que non os usasen decotío, a procedencia e a función dos obxectos. Hoxe, non é así para moita xente nova, por iso temos que facer chegar esa información, ese coñecemento, a todas as persoas que xa non teñen que ver co mundo rural nin co mundo tradicional da pesca.

A min o que me interesa é a vida cotiá da xente e os obxectos vencellados con ela, contar esas historias que son realmente as que crean sociedade. Hai unha novela de Nélida Piñón, brasileira con orixes en Cotobade, na que unha personaxe fala con outra de Da Vinci. Un país non se fai cos Da Vinci se non hai detrás unha xente normal e corrente.

E ese público que xa non está familiarizado con moitos dos obxectos que gardan, está presente?

Si, nós estamos traballando nese campo, para que os obxectos teñan unha lectura desde a actualidade. Non podemos entendelos como hai 80 anos, hoxe teñen outra función. A xente nova ten que facer unha lectura distinta á que fago eu ou á que podía facer miña nai. E nós temos que darlle argumentos para que esa interpretación  sexa posíbel. Mais penso que si, hai xente nova que vén ao museo, que gosta del e que atopa cousas interesantes.

Como está a enfrontar o MPG a situación actual?

O padroado do museo decidiu a finais de marzo solicitar un ERTE, que comezou a aplicarse a todo o persoal o 1 de abril. Agora estamos volvendo a nos incorporar, progresivamente, esta semana e a que vén, para que a principios de xuño, se non pode ser antes, o museo estea de novo aberto ao público. O museo é unha institución cultural –aínda que para min é máis ca iso– e como toda a cultura verase afectado. Dependeremos moito da economía que teñamos para facer proxectos e levar adiante unha vida normal. Teremos que mudar algunhas cuestións, xa vemos que non vai vir tanto público, polo menos inicialmente. Agora non podemos ter grupos, algo que traballabamos bastante no caso dos escolares. Tamén teremos que mirar de dixitalizar fondos. Esa é unha cousa que ten o museo que moita xente igual non coñece e deberiamos darlles máis visibilidade. Non só  inclúen obxectos, son tamén documentais e bibliográficos, temos varios arquivos por dixitalizar.

"Un país non se fai cos Da Vinci se non hai detrás xente normal e corrente"

Os museos existen porque teñen uns fondos, pero tamén porque hai público. A experiencia física de estar ante un obxecto non é a mesma que a virtual. Si que temos que optar por actualizar a páxina web, que está bastante obsoleta, e dar máis dinamismo ás redes sociais, pero ao mesmo tempo debemos facer algo para que a xente veña, porque non é o mesmo estar diante dunha pantalla que fronte a un obxecto real. Ese é un dos traballos de planificación que temos por diante.

Comentarios