Zamarra, barba, pipa, castañas... chega o Apalpador!

A zamarra vai remendada, fuma pipa, leva un saco pendurado e as barbas son grandes e mestas. Por volta destas datas baixa da montaña o carboeiro máis agardado, con castañas para repartir entre as crianzas. O Apalpador xa está aquí de novo e cada ano vén máis cargado, gañando forza diante doutras fi guras máis vinculadas ao consumo que o humilde carboeiro das montañas galegas.
photo_camera [Leandro Lamas]

“Vaite logo meu ninín/ miña neniña/ marcha agora para a camiña, que vai vir a Apalpador/ a apalparche a barriguiña./Mañá é día de cachela,/ que haberá gran nevarada/ e a vir a Apalpador/ cunha mega de castañas”. A cantiga recollida pola vella Amadora nas montañas do Courel é a máis sólida testemuña da mítica figura que reparte entre as crianzas o mellor do seu tempo, unha presada de castañas para encher a barriga baleira.

Os investigadores José André Lopes Gonçales e Carlos Calvo foron quen comezaron coa recuperación da figura e, en pouco máis de seis anos, a súa chama prendeu. Máis de trinta gravacións con informantes, que atesouran na Gentalha do Pichel en Compostela, dan para construír un retrato completo da figura do vello carboeiro.Na Gentalha e tamén na Semente, desde entón, cada ano festexan a figura con novidades como o teatriño desta edición que representa a historia do carboeiro. 

Agora, no Nadal, o Apalpador aparece en innúmeros espazos e en diversos soportes, amparados polas asociacións, concellos ou iniciativas privadas, que queren apoiar a nosa tradición e unha maneira diferente e propia de celebrar as festas do inverno. Desde hai varios anos, desde a Gentalha do Pichel de Compostela sae un home grande e barbudo que reparte castañas secas entre a xente e vai acompañado dunha procesión con fachos.

A noite do 24 ou a do 31 son as que a tradición recolle para a chegada do Apalpador. Neste ano, o concello de Pontevedra bota man da nosa mítica figura para toda a súa programación infantil destes días. Tamén a Deputación de Lugo, a través da súa rede de Museos, fai andar ao Apalpador, do que toma corpo un acaído Carballo con Botas. A Fundación Artábria elabora unha completa unidade didáctica que se está a utilizar nos centros de ensino da comarca de Ferrol, ademais de artellar un programa de actividades que van desde unha sesión de contos con Antón Cortizas, até a unha ruada co Apalpador.

Tamén na Semente, en Compostela, a cativada que participa no campamento de inverno verá achegarse o carboeiro para compartir os seus xogos e conversas. Unha iniciativa singular veu da man da asociación Adega, que artellou dentro do seu programa Galiza Máxica un roteiro polas terras do Apalpador, para coñecer o Courel a través da mítica personaxe. Varias edicións levan na compañía Cachirulo facendo teatro co monicreque do carboeiro nos programas infantís de inverno. Barafunda ofrece tamén un espectáculo baseado no seu libro.

O carboeiro xa ten biblioteca

Se o que se quere é facer unha achega á tradición e ao mito da figura a comisión de memoria histórica da Gentalha do Pichel publicou Teoría do Inverno. Os presentes do Apalpador e no Portal Galego da Língua figura o pioneiro artigo “O Apalpador: Personagem mítico do Natal galego a resgate” de José André Lópes Gonzáles.

Para agasallar as crianzas, as librarías teñen varias opcións co Apalpador como protagonista. O conto do Apalpador, de Lúa Sende e Alexandre Migues, con ilustracións de Leandro Lamas (a imaxe máis popular) en Ediçoes da Galiza, O Apalpador e a castaña máxica de Xoán G. (Biblos), Antón e o Apalpador de Manuel Castro e Mª Mar Ameixeiras e debuxos de Francisco Ameixeiras (Barafunda); A estória do Apalpador, o carvoeiro mágico do Courel, de Diego Bernal con imaxes de Manuel Álvarez Bernal (Edizer e Diário Liberdade) ou O rei da Floresta, con texto de Adela Figueroa e debuxos de Mª Celsa Sánchez.

Á xente de Contos estraños Editora ocorréuselles abrir a liña As aventuras do Apalpador dentro dos “Contos para nenos Friquis” cun primeiro e elocuente título: Apalpador vs. Papá Noel de Fernando Cimadevila e José Ángel Álvarez. O Apalpador coa súa amiga Noa e un elfo, farán forza para poñer fin aos perversos proxectos do malo malísimo Papá Noel.

Gañar non se sabe se gañará, agora, o certo é que o Apalpador ten moito a gañar diante do Pai Natal, o personaxe en branco e vermello que tanta atención presta aos anuncios televisivos. O carboeiro aposta por un Nadal menos consumista e máis propio, pegado á nosa tradición e en que a festa pode vir da man dunha presada de castañas.

Comentarios