O Festival de Cans recibirá o Premio Alecrín

O premio recoñece os vinte anos de traxectoria do Festival de Cans, que se converte no festival de cine e de música con máis recoñecimentos da Galiza
Actuación de The Limboos na XX edición de Cans. (Foto: Cris Andina)
photo_camera Actuación de The Limboos na XX edición de Cans. (Foto: Cris Andina)

O Festival de Cans recibirá esta cuarta feira, 9 de agosto, o Premio Alecrín da Cultura, concedido pola Federación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya (Fegalcat). A asemblea desta Federación, que agrupa catorce entidades culturais galegas en toda Catalunya, quixo conceder ao Festival de Cans o Premio á Promoción Cultural, valorando a traxectoria do certame no ano en que celebra o vixésimo aniversario. 

A entrega destes premios terá lugar nun acto que se celebrará no Castelo do Concello ourensán de Castro Caldelas, presidido pola alcaldesa da localidade, Sara Inés Vega. A este acto asistirá o director do Festival de Cans, Alfonso Pato, que recollerá o galardón no nome de toda a organización. 

Xunto co Festival de Cans, recibirán este premio outras personalidades destacadas da cultura galega, como a escritora María Xosé Porteiro en Literatura, o escultor Acisclo Manzano en Artes ou o histórico grupo Leilía, que este ano anunciou a súa retirada dos escenario, na categoría de Música. 

 

Presenza de galegos en Catalunya

Os Premios Alecrín entréganse desde hai quince anos, para recoñecer o traballo a prol da cultura de asociacións, empresas e entidades galegas. Cada ano celébrase o acto de entrega nun concello galego diferente, case sempre vinculado á presenza de galegos en Catalunya

O Festival de Cans suma deste xeito un novo galardón, nun ano tan especial para a organización como é o do seu vinte aniversario. Este premio suma o noveno recoñecemento do certame ao longo das súas dúas décadas de vida. O Festival de Cans é o festival de cine e de música que obtivo máis premios na Galiza. 

Entre estes está o Premio da Cultura Galega -a primeira vez que o recibía un festival de cinema-  ou o Premio da Crítica á Innovación Cultural, concedido en 2009, outorgado pola  histórica Fundación Premios da Crítica.  

 

Comentarios