O Festival de Cans comezou cunha lembranza a Vidal Bolaño

Esta cuarta feira haberá unha xornada especial dedicada ao Día das Letras con moito cine galego, música e un peche dedicado aos veciños de Cans.
Inauguración da "praza efémera" dedicada a Vidal Bolaño.
photo_camera Inauguración da "praza efémera" dedicada a Vidal Bolaño.

A XX edición do Festival de Cans arrincou esta terza feira nesta aldea do Porriño cunha intensa programación de cinco días de audiovisual, música e homenaxes a persoeiros do mundo do cinema e á veciñanza de Cans que fai posíbel co seu traballo e dedicación unha das citas senlleiras do audiovisual galego cada ano.

A xornada comezou coa inauguración da Rúa Efémera do festival que este ano está dedicada ao dramaturgo e cineasta pioneiro do Grupo Lupa, Roberto Vidal Bolaño. A pequena praza que existe diante da Casa Parroquial de Cans, pasará a denominarse por uns días “Praza de Roberto Vidal Bolaño”, á beira doutros nomes de rúas en Cans como Chano Piñeiro, Pilar Pereira ou María Casares. A homenaxe a Vidal Bolaño completouse cun coloquio coa presenza de Laura Ponte, Roi Vidal, Antonio Mourelos e Isabel Blanco. 

Xa pola tarde, comezaron as sesións de cinema, coa proxección do documental Quererla es crearla, dirixido pola chilena Cecilia Barriga.
A programación continúa esta cuarta feira, coa proxección, entre outros filmes, de Matria. Haberá coloquio co seu director, Álvaro Gago, e a protagonista, María Vázquez.

Cans e as Letras galegas

Na xornada desta cuarta feira, o festival contará cunha programación moi especial dedicada ao Día das Letras. A primeira hora da mañá arrancarán as actividades coa estrea do documental Florencio, o cego dos Vilares, dirixido polo músico Pancho Álvarez. O filme afonda na vida de considerado como último xograr galego, o músico cego Florencio dos Vilares, violinista, cantor e contador natural da Fonsagrada e tío avó do coñecido artista Xoel López. Morreu no ano 1986 pero deixou unha fonda pegada co seu xeito de interpretar a música tradicional, influindo de xeito decisivo nas seguintes xeracións de violinistas.

Tras aproxección do documental, terá lugar unha sesión vermú no Torreiro coa presenza das violinistas María Jorge, Aldara Souto, Begoña Rioboó e Antía Ameixeiras e do acordeonista Carlos Quintá, que acompañarán a Pancho Álvarez.

Ao mediodía, tamén no Torreiro, terá lugar un coloquio entre o director Alvaro Gago e a actriz María Vázquez, sobre o proceso de creación de Matria, unha das últimas grandes películas do cinema feito en lingua galega que está a obter un gran éxito de público e crítica despois da súa recente estrea, e o seu paso polo Festival de Berlín. 

Gago é un director que obtivo en dúas ocasións o Premio do Xurado en Cans, unha delas coa súa curta “Matria”, que é a orixe da longametraxe. A actriz María Vázquez chega a Cans nun gran momento da súa carreira, despois de obter a Biznaga de Prata en Málaga polo seu traballo en Matria, película que poderá verse ese mesmo día ás 16.30 horas no Baixo de Bugarín. 

Nesta xornada especial adicada ao Día das Letras tamén se presentará o documental De casa en casa, unha homenaxe ás veciñas de Cans que recolle as testemuñas dos oficios extinguidos nos anos 70 do século pasado, como os das mulleres que percorrían as aldeas coas máquinas de coser ao lombo, ás que cociñaban nas celebración doutras casas ou as que facían de parteiras para axudar a parir a outras mulleres.

Comentarios