O XVI Festival Pórtico do Paraíso presenta o seu cartel de música culta

O certame ofrecerá cinco concertos en espazos arquitectónicos singulares.

 

 

The Orlando Consort.
photo_camera The Orlando Consort.

Os organizadores do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso anunciaron o programa da súa 16ª edición, que decorrerá entre os días 5 e 14 de maio en diferentes espazos dos concellos de Ourense, Cea e Nogueira de Ramuín. 

O festival, organizado desde a Asociación Pórtico do Paraíso e patrocinado pola Deputación de Ourense, ofrecerá cinco concertos de conxuntos vocais e instrumentais de música culta procedentes de Portugal, Reino Unido e Galiza, coa participación do pianista ourensán Fabio Álvarez e a estrea como escenario do mosteiro de Santa María de Oseira, que acollerá a última das interpretacións programadas. Conta, ademais coa participación de Agadic e do Governo de Portugal. 

Segundo explicou o seu director, Juan Enrique Miguéns, o festival comezará o día 5 de maio cun primeiro concerto no Liceo de Ourense a cargo do conxunto vocal e instrumental Americantiga Ensemble (20.30 horas), que repite presenza no cartel do certame. Regresa a Ourense cunha formación diferente e cun programa musical que conmemora o bicentenario da independencia de Brasil. 

O segundo concerto terá lugar o 7 de maio no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, ás 19 horas, a cargo do pianista Fabio Álvarez, intérprete da Pobra de Trives, que presentará ao público o seu segundo traballo discográfico. 

Chegado desde Lisboa, o Quarteto Alcipe será o protagonista da terceira xornada do festival, o día 10, na igrexa do Santo Anxo de Ourense, ás 20.30 horas. 

O Liceo acollerá o cuarto concerto, o 12 de maio, tamén ás 20.30 horas, a cargo do Kosmos Ensemble, un trío inglés de viola, violín e acordeón que se move con mestría entre dous mundos sonoros, o clásico e a world music. Ofrecerá un programa con Piazzolla, Sarasate ou Corelli, pero tamén con moita música popular e certa dose de improvisación.

O mosteiro de Santa María de Oseira, finalmente, será escenario do último concerto do festival, o domingo 14 de maio, ás 19 horas, co cuarteto vocal inglés The Orlando Consort, cun programa que permitirá saborear desde a máis temperá polifonía escrita hai case mil anos até as melodías e harmonías dos mellores compositores do renacemento europeo.

A súa presenza, ademais, terá un carácter especial, pois despois de 35 anos de carreira musical, o cuarteto vén de anunciar o seu retiro. O concerto de Oseira será o último que ofrezan en Europa. 

Comentarios