Xurxo Souto dirixirá a gala dos Premios Martín Códax da Música

O músico e escritor dirixirá o vindeiro 15 de maio a gala da 11ª edición, na que a orquestra bravú Xangai poñerá a música no Pazo da Cultura de Pontevedra.
O músico e escritor Xurxo Souto, coa súa característica buguina, nunha actuación (Foto: Nós Diario).
photo_camera O músico e escritor Xurxo Souto, coa súa característica buguina, nunha actuación (Foto: Nós Diario).

"A celebración da selva diversa e espectacular da música galega contemporánea". Así define o músico e escritor Xurxo Souto a gala de entrega dos 11º Premios Martín Códax da Música, que terá lugar o vindeiro 15 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra. No escenario ao vivo, A Banda Xangai, que colle prestado o nome popular do tren que durante décadas uniu Galiza e Barcelona e que reúne algúns dos músicos que impulsaron o movemento bravú, será a responsábel de que a música sexa absoluta protagonista da noite.

Tamén anuncia Souto, sen desvelar nomes aínda, a participación no espectáculo dunha selección de voces solistas nunha gala que poderá seguirse en streaming na web dos premios e ademais na plataforma dixital da TVG agalega.gal.

Ao redor de tres eixos -vida, creatividade, talento- Souto está a deseñar un evento que enxalzará a riqueza e a diversidade da música galega actual. 

Quince categorías musicais conforman os Premios Martín Códax da Música, que tamén contan coa categoría de Artista Emerxente e cos tres premios dirixidos aos "cómplices necesarios do sector": salas, festivais e proxectos de comunicación e difusión musical. Por outra parte, o 15 de maio farase entrega do galardón honorífico 2024, cuxo nome se desvelará días antes.

En 2024 os premios abren ao público a segunda fase de votacións, que poderá elixir sobre a selección de finalistas realizada previamente polo xurado profesional. Do 25 de abril ao 12 de maio, poderase participar a través dun sistema de puntos nun mínimo de cinco categorías e terá que validarse a votación para que esta sexa efectiva. No reconto final de votos, cunha regra de baremación, o 50% corresponderá á votación do público e o outro 50% aos votos das socias e socios de Músicas ao Vivo.  

Comentarios