O Xurés muta no Lobosandaus de Méndez Ferrín

Esta localización é outra protagonista máis no filme O corpo aberto de Ángeles Huerta, para o que contou cun elenco de actrices e actores da Galiza e Portugal. A cinta está producida pola galega Ollovivo, a catalá Fasten Films e a portuguesa Cinemate.

Parte do equipo do filme. (Foto: Marcos Pereiro)
photo_camera Parte do equipo do filme. (Foto: Marcos Pereiro)

A cineasta Ángeles Huerta dirixe a rodaxe do filme de ficción, O corpo aberto, un proxecto que parte nun dos relatos de Arraianos, de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Para esta longametraxe o Xurés convértese no luar de Lobosandaus, un lugar creado polo escritor na raia seca, na montaña, e por iso o autor ten unha ligazón coa iniciativa. A propia Huerta destaca a “xenerosidade e empatía” de Méndez Ferrín con esta creación audiovisual.

“É un dos autores máis importantes da historia da literatura galega e se amosou sempre encantado co proxecto”, engadiu.

O eixo estrutural das fronteiras

O corpo aberto é un filme de fronteira porque acontece na fronteira, pero tamén porque xira arredor do concepto de linde: as lindes que hai entre Galicia e Portugal, as lindes que limitan as nosas identidades, o feminino e o masculino ou incluso as lindes que separan o mundo dos mortos e dos vivos”, reflexiona a directora.

Para contar esta historia dun temporeiro, Huertas fichou un elenco de actrices e actores procedentes quer de Portugal, quer da Galiza, entre os que se atopan Tamar Novas, María Vázquez, Victoria Guerra, Federico Pérez, Miquel Ínsua e Elena Seijo, entre outros.

Na produción están as firmas Ollovivo (Galiza), Fasten Films (Catalunya) e Cinemate (Portugal), ás que se suman os apoios da Agadic e ICAA. Tamén colaboran a TVG e RTVE.

Ollovivo explica que con esta nova película “reforza a súa aposta polo cinema galego de autor e pola convicción de trasladar e converter unha fantasía ou relato local nunha historia universal”.

A previsión é que a cinta chegue aos cinemas da man de Filmax en outono de 2022.

Comentarios