'Cuñados', o filme máis visto na Galiza este ano, chega ás plataformas dixitais

A película, protagonizada por Xosé Antonio Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez, xa está dispoñíbel en DVD e tamén poderá verse en diversas plataformas dixitais 
Xosé Antonio Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez. (Foto: Jaime Olmedo / Cuñados).
photo_camera Xosé Antonio Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez. (Foto: Jaime Olmedo / Cuñados).

Após tornarse no filme máis visto na Galiza desde a súa estrea en cines o pasado 9 de abril, Cuñados incorpórase ao catálogo de películas de Filmax xa dispoñíbeis en liña.

Producida por Alfonso Blanco de Portocabo, Cuñados é unha comedia de enredo sobre as peripecias de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado. Agora, a película pode verse en formato DVD e en diversas plataformas dixitais.

'Cuñados', a película

O filme conta con algunhas das caras máis recoñecidas do panorama cinematográfico galego como son Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez Rey, Eva Fernández, Iolanda Muíños e María Vázquez, entre outras.

Eva Fernández, Iolanda Muíños e María Vázquez (Foto: Cuñados).

O guión é obra de Araceli Gonda. Parte do equipo técnico está integrado por Jaime Pérez na dirección de fotografía; Lu Rodríguez na montaxe; Santi Jul e Iván Laxe na música orixinal e Andrea Pozo na dirección artística, entre outros.

Na historia, Eduardo (Miguel de Lira) e o seu cuñado Sabonis (Xosé A. Touriñán) acaban de meter a pata nun dos seus negocios e necesitan diñeiro. Moito diñeiro. Será Sabonis quen atope a solución ao problema secuestrando a Modesto (Federico Pérez Rey), cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e deixou tirados.

Só hai un pequeno problema: Alicia non pensa pagar nin un euro polo seu cuñado. Con todo, é o propio Modesto quen pensa un novo plan co que Eduardo e Sabonis poderán salvar a adega familiar. Estes tres cuñados téñeno todo para fracasar, pero como diría Sabonis, malo será.

Cuñados é unha produción de Portocabo que conta coa participación de RTVE e Televisión de Galiza e coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). En Cuñados colaboraron a Deputación de Ourense e DO Ribeiro e está rodada integramente en diversas comarcas ourensás. 

Comentarios