A Xunta renuncia a convocar unha nova edición dos 'bonos cultura'

"Comezamos o ano 2022 desde outra situación radicalmente diferente, cunha actividade cultural que se está a recuperar" e que ten "practicamente plena normalidade", xustifica o Goberno galego.
Cartel anunciando o 'bono cultura' nunha libraría de Compostela. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Cartel anunciando o 'bono cultura' nunha libraría de Compostela. (Foto: Xunta da Galiza)

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, explicou esta terza feira que a Xunta non prevé convocar de novo os 'bonos cultura', que a finais do ano pasado tivo unha "boa acollida", porque "o contexto é diferente" ao de 2021, cando se concibía como unha "acción de estímulo da demanda cultural entre a cidadanía".

Así o xustificou Lorenzo durante a súa resposta a unha pregunta formulada a respecto diso pola deputada do PSdeG Noa Díaz na Comisión 4ª, de Cultura e Educación, do Parlamento da Galiza.

O secretario xeral insistiu en que esta convocatoria, que chegou a case 40.000 persoas con descontos de 50% para adquirir produtos culturais, cun máximo de 50 euros, foi implementada "hai pouco máis de oito meses", nun contexto que facía "necesario" implementar "medidas urxentes de carácter extraordinario".

"O 'bono cultural' non se pode entender como unha iniciativa illada", recalcou Lorenzo, quen enmarcou esta proposta no marco dun "conxunto de políticas de apoio á cultura", dixo, que a Administración despregou o ano pasado con "máis de 42 millóns de euros" para reactivar o sector.

"Comezamos o ano 2022 desde outra situación radicalmente diferente, cunha actividade cultural que se está a recuperar" e que ten "practicamente plena normalidade", reivindicou, xa que hai unha "oferta variada, diversificada e expandida polo territorio", con case 800 eventos que apoia a propia Xunta.

Fronte ás críticas da deputada do PSdeG porque non se volverá convocar o bono, Lorenzo lembrou que houbo iniciativas semellantes por parte dos concellos da Coruña e Santiago de Compostela —con gobernos socialistas— que tamén remataron en decembro.

Aliás, lamentou que o Estado chegue "tarde" para convocar o seu propio bono cultural para mozos e mozas e manifestou a súa "sospeita" con que este anuncio teña que ver coa "proximidade das eleccións xerais".

Comentarios