A Xunta anuncia un Plan de impulso ao libro galego sen consultar co sector

As asociacións profesionais manifestan a súa sorpresa ante o anuncio.
Rueda presidiu o Consello da Xunta no que se anunciou o Plan.
photo_camera Rueda presidiu o Consello da Xunta no que se anunciou o Plan.

O Consello da Xunta de onte informou da posta en marcha dun Plan de impulso ao libro galego, dotado con 3 millóns de euros, que suma "11 novas iniciativas que permitirán adaptarse á transformación dixital, adecuarse ás novas realidades de consumo e crear e fidelizar lectores". 

As medidas que o executivo quer poñer en marcha abranguen cinco campos: o apoio á creación, o impulso á edición e distribución, a proxección exterior, a difusión e o apoio ás bibliotecas públicas. Entre as iniciativas concretas atópanse residencias creativas, un laboratorio de literatura infantil e xuvenil, bolsas literarias ou bibliotecas móbiles. 

O plan, non obstante, non foi consensuado coas asociacións do sector, que mostran a súa sorpresa ante esta batería de medidas anunciada polo Goberno galego. 

"Na AGE non fomos consultados para nada. Non houbo reunións previas nin envío de documentación, propostas, etc. por parte da Xunta para que puideramos achegar a nosa visión. Do que nos estamos enterando hoxe é o que vai saíndo pola prensa", declara Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editores, a este xornal. "Nesas informacións vemos que se acepta, parcialmente, a vella demanda de xestionar a AGE as feiras internacionais, aínda que só aparecen dúas delas, Liber e Frankfurt, non aparece Boloña, por exemplo. E isto está pendente de concretar nun acordo". 

 

Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega  manifestan sorpresa. "Hai pouco tempo negábannos axudas argumentando que non había fondos e resulta que agora teñen tres millóns de euros para implementar unhas medidas que non consensuaron con ninguén", di Cesáreo Sánchez, presidente da AELG. "Non sabemos a que responde este plan elaborado con estas présa e sen consultarnos". 

Ramón Domínguez, presidente da Federación de Libreiros de Galiza tamén confesa que non sabía nada do plan, no que a Xunta inclue a creación da axenda en liña para consultar as actividades das librerías galegas. "Pero ese foi un acordo tomado xa hai un tempo. Non nos dixeron en ningún momento que formase parte dun plan", explica a Nós Diario. "É a primeira noticia que teño", di sorprendido pola noticia. 

A mesma resposta da Iria Taibo, da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación. "Non sabía absolutamente nada. Mantivemos moitas conversas coa Xunta para tratar algúns temas pero non hai debate real, non escoita as nosas propostas e, agora mesmo, ese diálogo está pechado". 

 

Comentarios