Contracultura

Xosé Ricardo Losada: "Interésanme os personaxes con luces e sombras, permiten ver como somos os seres humanos"

Xosé Ricardo Losada (Rianxo, O Barbanza, 1961) vén de ser galardoado no XXII Certame Avilés de Taramancos pola súa obra 'Un inferno frío', unha homenaxe a modo de novela de detectives ás figuras de Castelao, Virxinia Pereira e Faustino Rey.
O escritor Xosé Ricardo Losada é mestre de Filosofía e autor de varias biografías históricas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O escritor Xosé Ricardo Losada é mestre de Filosofía e autor de varias biografías históricas. (Foto: Nós Diario)

-Como decidiu reunir estas tres figuras na mesma época?
En 2015 publiquei unha biografía sobre Faustino Rey, finado na Arxentina en condicións estrañas. Hai tres teorías: suicidio, asasinato ou accidente. Como non tiña datos suficientes como para consolidar algunha das alternativas quedoume o proído de escribir unha novela de ficción na que puidera resolver o enigma. A idea de introducir Castelao e Virxinia xurdiu porque tiña ganas de facerlle unha pequena homenaxe ao Castelao narrador e de amosar máis a figura dela. Eu mesmo, mestre de filosofía, tardei en entrar no Castelao narrador. Hai moitos anos parecíame a súa parte menos importante ou interesante, mais cos anos funme decatando da súa potencia. Quizais por esa especie de remorso que tiña, apetecíame facerlle unha homenaxe e cometer esta ousadía.

Sobra dicir que Castelao e Faustino Rey non coincidiron no tempo xa que o primeiro faleceu en 1950 e o segundo chegou á Arxentina en 1966 e faleceu en 1971. Con todo, practicamente todos os episodios están baseados en acontecementos reais. Decidín situar o tempo da novela arredor de 1945, nos últimos anos de Castelao, porque me apetecía afondar nestes momentos tan duros para el, tanto a nivel persoal como político, e no contexto no que escribe Sempre en Galiza. 

-De onde vén o seu interese pola figura de Faustino Rey?
Sendo ambos de Rianxo, desde neno oía moitas historias sobre el, algunhas que o retrataban como un anxo e outras que o puñan como un demo. 
Así, sempre xurdiu en min un intento por indagar e investigar que había na súa figura. Foi un crego galeguista, antifranquista e defensor do Concilio Vaticano II e non tiña ningún pudor en expresalo publicamente. Aparte diso, a vida que levou sería tremendamente extravagante aínda hoxe en día, máis aínda se falamos dun crego situado nos anos 50. É unha persoa que ten bastantes referencias á filosofía, tamén ten unha poesía que aínda que eu non desfruto especialmente si creo que ten certo encanto.

Alén desta, eu tamén escribín a biografía de Manuel Antonio precisamente polos mesmos motivos: interésanme os personaxes que teñen unha vida interior conflitiva e contraditoria. Non me interesan os personaxes dunha peza, escollo personaxes con sombras e con luces e intento velos nesa contradición.

Creo que son estas historias as que nos deixan ver como somos realmente os seres humanos, aínda que logo non esteamos de acordo coas ideas que expoñen. Precisamente, cando comecei a biografía de Manuel Antonio eu tiña unha idea preconcibida sobre el e a medida que fun investigando descubrín cousas que sabía que non ían gustar en determinados ámbitos porque non se correspondían co patrón que se tiña da súa figura. 

-Tendo en conta a época na que decidiu ambientar a novela, como retrata a situación da emigración nela?
Hai que ter en conta que, polas bases do concurso, é unha novela curta de non máis de 130 páxinas, polo que o espazo se reduce considerabelmente. Con todo, si hai moitas cousas que aparecen retratadas: a vida de Castelao, a súa relación con Virxinia, o seu estado psicolóxico... Digamos que a acción e esa investigación sobre a morte de Faustino está moi condicionada pola súa situación persoal.

Creo que este é un momento seu que deberiamos coñecer profundamente, pola súa humanidade, mais tamén me serviu para darlle unha maior iniciativa a Virxinia, quen leva realmente o peso da investigación, e reivindicar a muller que foi. Así, toda a situación migratoria aparece retratada a través deste contexto, do xurdimento de Sempre en Galiza, e por suposto a historia tamén ten en conta outros acontecementos da época na que se sitúa, como a fin da Segunda Guerra Mundial. Como digo, ao ser unha novela curta hai aspectos que aparecen diluídos, mais hai referencias constantes.

Comentarios