Contracultura

Xosé Barreiro: "Termos referentes de éxito fai que as novas xeracións vexan no cómic unha profesión viábel"

Xosé Barreiro é a persoa detrás do mostrador da libraría compostelá Komic, galardoada esta semana co Premio Manuel Beiras polo seu emprego habitual do galego. Barreiro aborda os inicios da libraría e a presenza do cómic e da lingua no contexto actual onde, como el di, “botamos en falta a iniciativa das editoras grandes”.
Xaime Lis e Xosé Barreiro, na libraría Komic, co galardón que recibiron esta semana polo compromiso co galego (Nós Diario).
photo_camera Xaime Lis e Xosé Barreiro, na libraría Komic, co galardón que recibiron esta semana polo compromiso co galego (Nós Diario).

Como foi saber que Komic ía recibir o Premio Manuel Beiras?

Eu sempre digo que está moi ben recibir premios, mais hai cousas que enchen máis. Neste caso, o sentido do premio é moi importante para nós polo que significa que nos consideren promotores e conservadores da nosa lingua. E, como lle digo á xente, é un premio tamén da clientela porque é a que nos mantén aquí. Non o considero un premio persoal.

Cales foron os inicios da libraría Komic?

Eu era un mozo de 23 anos que deixara de estudar en COU e que tiña claro que non quería ir á universidade. O meu avó materno montara un serradoiro en Negreira, mentres que o meu avó paterno era gandeiro, un negocio que despois herdou o meu pai e, cando eu xa tiña cumpridos os seis anos, miña nai quixo montar unha carnizaría na vila. Polo tanto, eu crieime no comercio, para min era natural. Así, houbo a oportunidade de conseguir este local, que xa daquela era un quiosco e antes fora unha libraría.

Collemos o local entre Ana mais eu, cando apenas levabamos un ano como parella, e xa desde o primeiro momento comezamos a viaxar a Barcelona para entrar en contacto coas editoras de cómic. Era un momento de moita explosión no que respecta ás editoras, porque a maioría das publicacións non eran como as de hoxe en día, senón que eran revistas. Había algunhas editoras en Madrid, mais practicamente estaba todo centrado en Barcelona e por iso tivemos esta iniciativa de coller a distribución de todas as que puidemos, e tamén desde o primeiro ano comezamos a distribuír nós a outras librarías. 

Hai 10 anos tamén iniciaron unha pequena rama editora. Como foi dar ese paso?

Temos oito libros coeditados con Demo Editorial. É algo que nos gustaría continuar e na medida do posíbel facelo sós, mais é moi complexo. Hoxe en día por exemplo hai moitísima autoedición e tamén pequenas editoras que nacen e van avanzando, mais chega un punto que te atopas co problema da distribución. 
Os distribuidores comen o 50% ou máis da marxe. Eu teño en mente dous ou tres libros que me parece que serían moi comerciais, mais intentaremos sacalos adiante tendo en conta as posibilidades da nosa pequena libraría e se podemos seguir con Demo como colaboradores sacando cousas tamén o faremos. Isto é o máis realista. Neste sentido si que botamos en falta a iniciativa das editoras grandes porque cremos que prestan unha atención escasa e intermitente á banda deseñada. 

Pódese dicir que mellorou a situación do cómic galego?

Hai que pensar que eu, cando rematou a ditadura, xa tiña 11 anos. As nais e pais da miña xeración esforzábanse por darnos o que consideraban a mellor educación, e mandábanos desde a aldea a Santiago, a maioría internos. Claro, non tiñamos un estudo da lingua galega e eu, que desfrutaba das artes en xeral e especialmente da poesía, a literatura e a pintura, por iso me gustaba tanto o cómic, vía que tampouco tiñamos acceso a nada disto en galego. Eu teño a sorte de que desde hai 15 anos temos na libraría a Xaime, un filólogo galego co que puiden aprender a escribir e a falar correctamente.

Tendo en conta isto, antes había unha situación moi difícil que mellorou, mais é certo que botamos en falta moita edición con respecto ás creadoras e creadores que temos. Houbo cousas moi decisivas como O Garaxe Hermético, a escola inaugurada por Kiko da Silva, ou os vinte anos que leva en marcha o salón do cómic Viñetas desde o Atlántico. Tamén ter referentes como Emma Ríos, David Rubín ou Fran Bueno, que teñen éxito a nivel internacional, fai que as novas xeracións vexan que é unha profesión viábel. Cada vez aparecen máis persoas con talento, cualificadas e novas, mais o que respecta á edición está moi estancado. É un contrasentido. 

Comentarios