As creacións de Acontravento nunha 'exposición efémera' na Estrada

A tenda-obradoiro de Casal de Creación propón un encontro co proxecto da Guarda.
Autocolantes de Acontravento.
photo_camera Autocolantes de Acontravento.

A tenda-obradoiro de Casal de Creación, no concello da Estrada (Terra de Montes), acollerá este sábado, en horario de 11 a 14 horas, a exposición Acontravento: do téxtil ao papel, do papel ao marco. Os asistentes á mostra poderán ver, nunha exposición efémera, deseños creados pola marca de roupa galega Acontravento e que foron enmarcados por Casal de Creación. Ademais, os asistentes poderán visualizar as obras serigrafiadas en téxtiles ou crachás, e poderán adquirir algúns dos elementos expostos.

Na exposición estará presente Daniel Portela Macua, un dos fundadores de Acontravento, para contar a historia da marca de roupa galega fundada no ano 2019 na Guarda (O Baixo Miño).

Segundo os fundadores, "somos unha marca inspirada nas nosas raíces e en cada prenda queremos compartir o apego que sentimos polo noso. Cuns deseños que vinculan o local co global, tratamos de reivindicar a nosa identidade dun xeito actual e contemporáneo.  Un proxecto cuns principios e valores ben definidos, sempre do lado da nosa xente e comprometido coas causas sociais".

Algúns dos deseños pertencen a Pruden TT, tatuador e ilustrador, nos que se homenaxea a Castelao cunha estética próxima á de Luis Seoane ou Díaz Pardo. 

Vanesa Iglesias, fundadora de Casal de Creación, declarou que o obxectivo destas exposicións efémeras é impulsar e visualizar a obra de creadores e creadoras galegas, especialmente da Estrada, onde, segundo explica, "están traballando cun nivel moi alto sen practicamente ningún aopio. Aquí pretendemos dalos a coñecer, case de forma persoal, nun ambiente informal e lúdico". 

Comentarios