Luísa Villalta será a protagonista do Día das Letras Galegas de 2024

 O 6 de marzo de 2004 falecía na Coruña a escritora e música Luísa Villalta, conmocionando o mundo literario galego. Onte, case dúas décadas despois, a Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas do ano 2024, coincidindo co vixésimo aniversario do seu pasamento. 
 
Luísa Villalta, en 2002 (Foto: Xurxo Gómez-Chao).
photo_camera Luísa Villalta, en 2002 (Foto: Xurxo Gómez-Chao).

O Pleno da Real Academia Galega (RAG) acordou onte, na xuntanza ordinaria decorrida no pazo de María Pita, dedicarlle o Día das Letras Galegas 2024 a Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), cadrando co vixésimo aniversario do seu pasamento. "Creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90, o seu 17 de maio será unha ocasión excepcional para reivindicala en toda a súa amplitude como a intelectual que foi", detallou a Academia. 

Á derradeira fase da elección chegaron tres candidaturas: a de Villalta, a do poeta Antón Tovar e a da música popular, que se formalizou nas figuras das cantareiras Adolfina Casás, Rosa Casás e Florencio López. 

A candidatura de Villalta foi respaldada por Chus Pato, Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Margarita Ledo Andión, Manuel Rivas, María López Sández, Euloxio Rodríguez Ruibal, María Dolores Sánchez Palomino, Manuel González González e Ana Romaní. A elección parece inclinar as preferencias da Academia por un ano enfocado nas persoas máis novas, a semellanza dos Días das Letras dedicados a Lois Pereiro en 2011 e a Xela Arias en 2021. 

"Que Luísa Villalta protagonice o ano das letras 2024 cando se cumpren 20 anos do seu falecemento permitiranos unha celebración entusiasmada de afectos e da literatura. Unha literatura esixente, rigorosa e xenerosa. É unha autora que imos descubrir con múltiples posibilidades de lectura, de diálogos con outras expresións artísticas. Unha escritora que nos vai permitir pensar o presente. Algo que necesitamos con urxencia", manifestou a poeta, xornalista e académica Ana Romaní. 

A poeta e violinista da Coruña convértese desta forma na sexta muller que protagoniza o Día das Letras Galegas nas 61 edicións desta celebración, despois de Xela Arias (2021), María Victoria Moreno (2018), María Mariño (2007), Francisca Herrera Garrido (1987) e Rosalía de Castro (1963).

Unha obra multiforme

Titulada superior en violín, Luísa Villalta formou parte da Orquestra de Santiago de Compostela e da Xove Orquestra da Galiza, pero escolleu dedicarse ao ensino tras se licenciar pola Universidade de Santiago de Compostela en Filoloxía Galego-Portuguesa. Luísa Villalta compaxinaría en diante o labor como profesional da docencia coa andaina literaria. 

Desde a publicación da obra teatral Concerto para un home só (1989) nos Cadernos da Escola Dramática Galega até o seu pasamento -pouco despois de que fose premiado o seu poemario En concreto-, Villalta publicou máis de quince volumes de poesía, teatro, narrativa e mais de ensaio.

A poesía foi o xénero que maior proxección lle reportou. Nela atopou a linguaxe por excelencia para a autoconsciencia, e a través dela indagou decote sobre o sentido da palabra literaria e do seu vínculo coa música. O título do seu primeiro poemario, Música reservada (Ediciós do Castro, 1991) visibiliza xa ese cruzamento entre dúas formas de expresión que a acompañaron sempre. Despois chegarían Ruído (Espiral Maior, 1995), Rota ao interior do ollo, unha plaquette con cinco poemas editada para a presentación do selo portugués Edições Tema, e En concreto, o último poemario que deixou listo en vida. O libro foi recoñecido en 2004 co XII Premio de Poesía Espiral Maior. 

A obra poética de Luísa Villalta editada complétase co póstumo Papagaio (Laoivento, 2006), en colaboración coa fotógrafa Maribel Longueira, sobre o barrio coruñés onde se exercía a prostitución e As palabras ingrávidas (Centro Ramón Piñeiro, 2020), unha edición facsimilar do poemario e que estaba a plasmar nas páxinas dun calendario poético do ano 2004 da casa lusa Assírio & Alvim. 

Teatro, narrativa, ensaio

Villalta cultivou con asiduidade a literatura dramática. Tras Concerto para un home só (1989), viron a luz O representante, en 1990, e O paseo das esfinxes, en 1991. Publicou ademais As certezas de Ofelia (Casa Hamlet, Deputación da Coruña, 1999) e Os doces anos da guerra (Revista Galega de Teatro, 2001). Ao mundo dos escenarios legou así mesmo a súa tradución do Manifesto por un novo teatro (1994) de Pier Paolo Pasolini e A mandrágora (1998) de Maquiavelo, en colaboración esta última con Francisco Pillado Maior. 

Villalta é tamén autora dunha obra narrativa de carácter exploratorio, se cadra ensombrecida polo recoñecemento que obtivo como poeta, con obras como Siléncio, ensaiamos (Vía Láctea, 1991), once historias nas que a música, como tantas veces na súa obra, ten unha significación central ou Teoría de xogos (Laiovento, 1997). En As chaves do tempo (A Nosa Terra, 2001) desenvolve unha narración baseada na temática artúrica chea de simbolismo e dobres lecturas. 

Como ensaísta, cómpre destacar O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral (Laiovento, 1992), o primeiro traballo das letras galegas que abordou monograficamente a adaptación do mindoniense da traxedia de Shakespeare e O outro lado da música, a poesía: relación entre ambas partes na historia da literatura galega (A Nosa Terra 1999), unha relectura das letras galegas desde a súa relación coa música do medievo até aos tempos das Irmandades da Fala.

Articulista

Ademais, Luísa Villalta foi tamén unha escritora que opinaba. Colaborou, entre outras cabeceiras, con Man Común, Festa da palabra silenciada, Luzes de Galicia e A trabe de Ouro, e mantivo unha colaboración periódica co semanario A Nosa Terra recompilada en Libro das colunas (A Nosa Terra, 2005). No artigo xornalístico formulou un campo para o debate enfiando humor, ironía e vontade de intervención para estimular a reflexión crítica.

Activista comprometida

Villalta, ademais dunha autora completa, foi unha concienciada activista que multiplicou a súa presenza en defensa de causas que reclamaban xustiza, de maneira especial, aquelas que defendían os dereitos culturais e lingüísticos da Galiza. Comprometida co nacionalismo, fixo parte da directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, participou activamente na Mesa pola Normalización Lingüística e interveu no Foro Negro da Cultura decorrido no ano 2003 en resposta ao desastre do Prestige

Comentarios