As xornadas que fan de ponte entre o verán e un curso novo

En Santiago, Ferrol, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo desenvolveranse no mes de setembro as Xornadas de Verán organizadas pola AS-PG e a CIG-Ensino. Unha maneira pedagóxica de coñecer o país e de coller forzas para o curso que xa comeza. Roteiros, charlas e encontros nos distintos programas. 

Xornadas de Verán
photo_camera Xornadas de Verán

A matrícula está aberta e convida a partillar nunhas xornadas que, con moitas edicións xa ás costas, convértense na mellor maneira de adentrarse no novo curso, con encontros pedagóxicos que contribúen a coñecer o país de forma didáctica e achegarse ao tempo a distintas cuestións e temas arredor do mundo educativo. 


Do 26 ao 27 de setembro desenvolveranse no IES Menéndez Pidal (Zalaeta) as Xornadas de Ensino da Coruña que abrirá o profesor Manuel Gago explicando “como contar o patrimonio: narrativas para a divulgación histórica”. Será Luís Giadás Álvarez o que afonde no patrimonio de Bergantiños e a Costa da Morte antes de que Afonso Varela Vidal guíe o roteiro do sábado polo litoral de Ponteceso, Cabana e Laxe. 

Especial será o roteiro de Ferrol xa que partirá por volta das 19:00 da cuarta feira e tentará identificar as zonas contaminadas da ría da man de Alexandre García Regueira. Será nos Encontros Pedagóxicos que se desenvolvan do 15 ao 19 de setembro e que contarán tamén coa intervención de Manuel González arredor do cinema dos nativos dixitais ou a análise e significado da Lomce por parte de José Ramos. Margarita Corral aportará ferramentas didácticas contra a violencia de xénero e o  escritor Xavier P. DoCampo defenderá unha escola “para ler, escribir e contar”. 

Moito que ver e coñecer

Moito que ver haberá tamén nos Encontros Pedagóxicos de Santiago do 22 ao 25 de setembro que comezarán coa música que se agocha detrás das pedras do Pórtico da Gloria con Miguel Ángel López Fariña e contarán tamén cunha visita ao Mupega, Museo Pedagóxico Galego con conferencia de Xabier P. Docampo incluída. Roteiros polas Brañas do Sar con Irene Baspino e polo Castelo da Rocha Forte con Mª del Mar Bóveda completarán o programa. 

Entre o 11 de setembro ao 2 de outubro espaciaranse os Encontros Pedagóxicos de Ourense integrados na súa totalidade por visitas e roteiros que darán a oportunidade de coñecer o Pazo de Fontefiz no concello de Coles, o parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, o centro de interpretación termal das Burgas ou o parque Botánico de Montealegre. 

Xesús Fortes coa conferencia “Crónica da materialización dunha aldraxe sobre o ensino público” inaugurará a Semana de Educación de Pontevedra que terá lugar do 22 ao 26 de setembro e que incluirá tamén un roteiro pola Pontevedra do mar conducido por Roberto Rivas e con saída do Peirao das Corbaceiras, cun roteiro de Adela Leiro polas telleiras do Salnés e outro ao Cabo Udra e ao Museo Massó ademais da visita ao MUPEGA con conferencia do escritor Xavier P. DoCampo. Xa na noite, oportunidade haberá para ver as estrelas nunha iniciación á astronomía con saída nocturna da man de Severino Yáñez. 

A cidade a fondo

En Vigo terán lugar as Xornadas do Ensino do 15 ao 19 de setembro cun obradoiro-roteiro no que Xosé Mª Ramón Iglesias Veiga, experto na arquitectura urbana da cidade e gran coñecedor da súa historia arquitectónica recente adentraranos na historia da urbe galega máis poboada. Anxo Louzao iniciará as xornadas cunha intervención sobre a restitución dos dereitos dos ensinantes e a mellora da calidade do ensino na Galiza. Tamén en Vigo, os días 5, 8, 9, 10, 11, 12 e 13 de setembro realizaranse os paseos Pedagóxicos pola  cidade 

Os primeiros auxilios no ensino serán materia das xornadas que terán lugar en Lugo do 22 ao 25 de setembro. 

Pódese formalizar a matrícula en calquera das distintas xornadas en www.as-pg.com ou www.cig-ensino.com.

Comentarios