Xoán Costa é escollido autor do mes pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega

O conselleiro delegado de Sermos Galiza, empresa editora de 'Nós Diario', recibe o recoñecemento da AELG como escritor de novembro.
Xoán Costa, conselleiro delegado de Sermos Galiza SA.
photo_camera Xoán Costa, conselleiro delegado de Sermos Galiza SA.

O conselleiro delegado de Sermos Galiza (empresa editora de Nós Diario), o escritor Xoán Costa, vén de ser elixido pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), como autor do mes de novembro na web da Asociación.

Nado o 23 de febreiro de 1956, estudou Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela (USC), para despois ampliar estudos na Universidade de Lisboa.

Ademais, foi profesor de Lingua e Literatura Galega no Instituto de Ensino Secundario (IES) de Canido (Ferrol) durante os anos 1982 e 1983; profesor no IES de Elviña (A Coruña), en 1984 e no IES Menéndez Pidal desa mesma cidade desde 1985 a 2016.

Por outra parte, desde 2001 a 2020 foi tamén presidente da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). O autor ten realizado varios estudos e artigos sobre lingua e sobre literatura galega, e ten colaborado en publicacións periódicas galegas (A Nosa Terra, Terra e Tempo).

Entre 1985 e 1987 foi director da Revista Agália. Actualmente escribe de forma recorrente para Nós Diario e Sermos Galiza, alén de ser o conselleiro delegado da empresa editora destas publicacións, así como unha das persoas encargadas das editoriais e dos pasatempos no xornal.

Comentarios