mércores 19.02.2020
Entrevistamos Xoán Costa

Xoán Costa, cos pés na terra

Xoán Costa Casas (Oroso, 1956) é licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Ampliou os seus estudos na Universidade de Lisboa e de 1982 a 2016, ano da súa xubilación, foi docente de Lingua e literatura galega. Membro da AGAL, director da revista Agália, presidente da AS-PG é tamén, desde 2013, conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A.
Xoán Costa, cos pés na terra

Xoán Costa Casas (Oroso, 1956) é licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Ampliou os seus estudos na Universidade de Lisboa e de 1982 a 2016, ano da súa xubilación, foi docente de Lingua e literatura galega. Membro da AGAL, director da revista Agália, presidente da AS-PG é tamén, desde 2013, conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A., ten no seu haber numerosas obras colectivas, como a Nova gramática para a aprendizaxe da língua (1988); Actividades de expresión oral e escrita (1990); Actividades de léxico 1 e 2 (1990 e 1991); Actividades de construción gramatical (1991) ou O ensino da língua: Por un cámbio de rumo (1995).

Xenerosidade. Compromiso. Humildade. Son tres das palabras que mellor definen Xoán Costa. Un home multidisciplinar que tanto traballa a terra e cociña deliciosos pratos de inverno como difunde a literatura de países lusófonos en clubes de lectura e crea pasatempos baseados en obras de autoras e autores galegos. A faceta de divulgación da cultura non se entendería sen o seu traballo en distintas frontes, nomeadamente, desde a AS-PG. El é, ante todo, un activista de todo o que atinxe á Galiza. Aproveitamos o respiro que nos dá a chuvia que cae a finais de novembro para conversar mentres camiñamos entre os centos de castiñeiros e carballos que rodean un dos seus espazos preferidos, a aldea de Rozas, en Touro.

—A súa infancia transcorre nunha aldea de tres casas cun topónimo de tres letras. Como foron eses tempos?

Si, unha aldea de tres casas que se chama Zan, en Oroso. Realmente, a miña infancia está repartida entre esa aldea, na que morei até os 8 anos e que é a casa da miña avoa materna e, a partir dos 8 anos, a aldea da Costa, a casa de meus pais, que está no Coto da Costa, a un quilómetro de distancia da anterior. Na miña primeira infancia aprendín coa miña avoa. Era ela quen me traía os agasallos por Reis. Foi quen me descubriu que os Reis non eran os Reis e quen me aprendeu a ler. Tamén me aprendeu unha grande cantidade de refráns, e a súa utilidade. E o santoral, claro. Tiña unha filosofía de vida... non sei como definila, mais para ela a aprendizaxe era sempre un camiño, que se resumía no dito: «Neno, ti aínda non lle viches o cu á curuxa». Unha expresión que significa que falta moito por aprender.

xoan costa 1

—Que lembranzas garda?

Serán como as da meirande parte das nenas e dos nenos que viviron na aldea, nun contexto que entraba na modernidade. Nacín o ano que chegou a luz eléctrica a estas aldeas. E en contraste con esa modernidade, conservo imaxes da infancia que me acompañan até hoxe, como unha porca a parir. Era costume durmir coa nai para que non esmagase os porquiños. E eu lembro estar alí, na corte que estaba detrás do forno de cocer o pan, a máis abrigosa, e durmir, deitado na palla, coa miña madriña. Non creo que pasase dos seis anos. Vin chegar ao mundo oito ou nove bacoriños. Teño perfectamente retida na memoria a imaxe de velos loitar pola teta de adiante. E o olor. Aquel olor a placenta, a corte apenas iluminada. Esa é a miña magdalena de Proust.

—Esa infancia determinou o futuro?

Non sei en que medida a infancia determina o futuro mais, no meu caso, son unha persoa resultado da cultura tradicional, da rural en concreto. Un mundo nada idílico e si moi realista, moi descubridor ou antecipador de cousas que hoxe consideramos movementos de progreso e de vangarda. Os nosos labregos descubriron e puxeron en práctica os movementos sindicais, agrupándose na defensa dos seus intereses. Tamén no rural estivo o primeiro ecoloxismo, pois existía un espírito de conservación do medio como algo necesario para a calidade de vida dos seus habitantes. Até os 30 anos fun labrego. Ao tempo que estudaba, nas fins de semana, arrancaba esterco da corte, ou ía ao monte.

Os nosos labregos descubriron e puxeron en práctica os movementos sindicais, agrupándose na defensa dos seus intereses. T

—Vai á escola aos oito anos e despois do bacharelato decántase por Filoloxía. Que o levou a cursar esta carreira?

Comecei na escola da Esquipa aos 8 anos, na parroquia de Trasmonte. Cando cheguei a escola, sabía ler e escribir. Non fun antes porque non había escola. Habíaa na parroquia do lado, en Deixebre, mais estaba lonxe. Da aldea de meus pais, que tiña 17 casas, iamos vinte nenos e nenas á escola. Andando. Os mais vellos protexían os máis pequenos. Lembro como naqueles treitos de camiño que no inverno presentaban dificultades, uns veciños que estarían nos 12 ou 13 anos sempre me levaban ao cabaleiro. O bacharelato fíxeno entre Ordes e Compostela. Foi en Compostela onde tomei contacto con profesores que me levaron camiño da Filoloxía. O Instituto Xelmírez estaba daquela onde hoxe se atopa o centro administrativo de San Caetano. Remexiamos en millares e millares de expedientes que había no soto, de cando o edificio era un cuartel. Alí tiven profesores que foran represaliados no primeiro franquismo. Grazas a eles houbo cursos de galego fóra do horario escolar. Asistimos unhas dez persoas. Cando ía frío, ao rematar as aulas, baixabamos até o Tumba para tomar un licor café.

Tiven profesores que foran represaliados no primeiro franquismo. Grazas a eles houbo cursos de galego fóra do horario escolar.

—Despois finaliza a carreira e chega a súa estadía en Lisboa.

Fun cunha bolsa do Instituto de Lingua e Cultura Portuguesa. Da Galiza, nese ano, fomos Pilar Pallarés e mais eu. Coñecín alí grandes figuras da investigación, como Manuel Ferreira, que nos descubriu a literatura africana. Tomamos contacto con persoas e espazos onde se forxou todo o movemento de independencia das colonias africanas. E tamén demos a coñecer a Galiza. Na Faculdade de Letras impartíanse, dentro dos cursos de verán, seminarios de lingua e cultura portuguesa para estranxeiros. Propuxemos, Pilar e mais eu, facer un curso de lingua e cultura da Galiza e as autoridades académicas permitírono. Pilar non puido quedar e impartino eu. Mais isto non gostou ás autoridades españolas que, a través da embaixada de España en Lisboa, me  chamaron a consulta para saber de que se falaba nesas aulas.

—Comeza como docente no instituto de Canido, en Ferrol, e xa despois salta para A Coruña, no IES de Elviña e no IES Ramón Menéndez Pidal, o Zalaeta.

A Canido cheguei en decembro de 1982. O edificio era vello e precisaba ampliación. As obras leváronnos ao local dos sindicatos, detrás do concello, e alí impartiamos aulas separados por biombos. Pasei dous cursos en Canido e de alí fun para Elviña, na Coruña. No IES de Zalaeta impartín aulas do 85 en diante, até 2016, en que deixei a actividade docente.

—E neses anos como percibe a receptividade do alumnado a respecto da lingua galega?

Esa receptividade vai unida á evolución da sociedade e ten a ver coa percepción da utilidade da lingua, daquela e agora. Naqueles primeiros anos, notábase máis tensión á hora de dar aulas e á hora de concibir a materia tanto por parte do alumnado como do profesorado. Era un contexto con bastantes conflitos polo debate da norma e da normalización. Estaban no ambiente os expedientes por impartir aulas en galego. Creo que, en xeral, o profesorado de galego era a un tempo un activista pola lingua e un profesor. Se cadra, co paso dos anos, deixamos de ser activistas para nos converter simplemente en docentes.

Naqueles primeiros anos, notábase máis tensión á hora de dar aulas e á hora de concibir a materia tanto por parte do alumnado como do profesorado.

—Como se pode dinamizar o galego desde as aulas? Só desde as aulas non se pode.

A dinamización da lingua no ensino é posíbel se vai inserida co resto de sectores, isto é, se hai normalización social. O sistema escolar está concibido para a docencia ser de galego e non en galego, que era o que se reclamaba no lema dos primeiros movementos de renovación pedagóxica. Na procura dun ensino galego era, e aínda é, o lema da Asociación Socio-Pegadóxica Galega (AS-PG). Galego nos contidos e na expresión. Mais a Administración educativa non contempla ese contexto. A proba son decretos como o de plurilingüismo que, na práctica, como na Divina Comedia, nos está a dicer: “Lasciate ogni speranza” (Abandona toda esperanza).

xoan costa 3

—Co galego podemos comunicarnos con máis de 200 millóns de persoas. Que maneiras hai de espremer ese potencial?

A comezar, habería que superar moitos prexuízos tanto da parte galega como da portuguesa. Eu son máis partidario de usar galegofonía que lusofonía, porque é o galego o que se expande cara a Portugal e cara a outros territorios do mundo. Deses 200 millóns, o gran foco está hoxe no Brasil, mais vai estar en África nos próximos cincuenta anos. Estabelecer vínculos co Brasil, mais sobre todo cos países africanos, axudará á proxección internacional do galego.

Eu son máis partidario de usar galegofonía que lusofonía, porque é o galego o que se expande cara a Portugal e cara a outros territorios do mundo.

—Que en 2020 se lle dedique a Carvalho Calero o Día das Letras Galegas pode acrecentar o diálogo con toda a galegofonía?

Creo que non porque a figura de Carvalho foi utilizada como ariete contra a evidencia de que galego e portugués son o mesmo sistema lingüístico. Que lle dediquen o ano a Carvalho Calero non vai potenciar os contactos dun lado e doutro do Miño. Nese sentido, paréceme moi interesante unha realidade que se está a dar no concello de Tomiño e no de Vilanova de Cerveira, que forman unha Eurocidade e que comparten servizos. Esa si é unha posibilidade de acrecentar o diálogo. A figura de Carvalho hai que a reivindicar máis para poñer en valor a nosa conciencia nacional, a nosa conciencia de país, sen desbotar que poida servir para tender pontes.

—Coñece de primeira man Carvalho Calero. Que destaca das súas múltiplas facetas?

Que supuxo para vostede o contacto de perto con el? Coñecino primeiro como profesor. Despois traballei con el, sobre todo na definición da  revista Agália. Destacaría del, primeiro, o seu pouco afán de protagonismo. Tamén destacaría a coherencia de pensamento, que era total e que nunca o levou a renunciar aos seus principios ideolóxicos, aínda que os tivese que adecuar ás circunstancias do momento. El prefería pór diante de todo a visibilidade da causa que defendía a ser protagonista principal dela. Vese perfectamente nas cartas a Fernández del Riego. Aí deixaba ver como era necesario constituír grupos de presión que influísen na Academia para levala cara a un determinado sentido na defensa da lingua e da literatura ou a idea de influír no sistema educativo coa edición de materiais alén dos clásicos libros de texto. Despois de Agália coincidín moito con el na preparación da edición de Cantigas de amigo e outros poemas (1980-1985).

—Participou moi activamente nos inicios da Associaçom Galega da Língua (AGAL), nun momento en que estaba moi candente o debate da normativa. Tamén foi autor de varias gramáticas.

Cando se fundou a AGAL eu estaba en Lisboa, polo que o meu carné de socio é posterior. Como membro da AGAL estiven na Comisión de Redacción do Estudo crítico das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Tamén participei na redacción do Prontuário Ortográfico Galego. Era o tempo en que ten lugar a primeira polémica relativa á norma. O reintegracionismo mantivo unha posición moi forte contraria ás normas ILG-RAG (Instituto da Lingua Galega-Real Academia Galega), posición expresada desde o ponto de vista teórico mais tamén desde o ponto de vista do uso, sobre todo no ensino. Foi ese o primeiro paso do que foi a normativa de mínimos. Case todos os libros de texto que tiveron impacto no ensino foron publicados baixo esa norma da Asociación de Profesores de Lingua e Literatura, en cuxa primeira asemblea Carvalho pronunciou a conferencia de clausura. Creo que a batalla normativa non se inclinou da parte da norma oficial até que a Administración conseguiu implantala no ensino.

—Desde 2001 preside a AS-PG. Que representa para o ensino galego?

Sen dubida ningunha, a AS-PG supuxo poñer diante da sociedade a evidencia de que as galegas e galegos temos particularidades específicas que deben ser representadas no ensino. As orixes da AS-PG remóntanse ás xornadas, interrompidas pola Garda Civil,  que se ían celebrar no santuario dos Milagres de Maceda, auspiciadas por Francisco Carballo. Falamos de 1976. De alí xurdiu o primeiro sindicato de profesores de ensino, a UTEG (Unión de Traballadores do Ensino da Galiza) e a AS-PG, que desenvolveu un traballo centrado primeiramente na formación do profesorado para o adaptar ou o situar nas técnicas pedagóxicas que os tempos demandaban. Tamén se ocupou de traballos máis sociais, como conferencias para pais e nais. Editamos materiais que non foron acollidos por outras editoras, como os libros de Francisco Rodríguez sobre Rosalía, e discos dos nosos autores e autoras; convocamos concursos de relato oral e de vídeo; organizamos semanas do libro e da lectura. De feito, a primeira xornada de formación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para o profesorado organizounas a AS-PG en Pontevedra. E a Historia da Literatura Galega.

—Un traballo inmenso que foi ampliado recentemente.

A Historia da Literatura é o traballo da AS-PG que máis debería pervivir. É hoxe unha historia actualizada e sen igual na nosa contorna. Serviu para poñer en valor daquela o papel dos medios impresos en galego, xa que se distribuíu por fascículos nos quioscos. Hoxe ese material está recollido, actualizado e amplamente complementado na nosa web.

—Dirixiu Agália nos seus comezos, colaborou en A Nosa Terra, participou do nacemento de Sermos Galiza, onde é presidente do Consello de Administración, ademais de conselleiro delegado. Que representa para vostede o xornalismo galego?

 A miña participación en A Nosa Terra era como representante da AS-PG en tanto que esta entidade formou parte do capital social da empresa. Na Agália asumín a coordinación e a dirección nos primeiros números e agora, Sermos. O xornalismo galego é unha necesidade que este país aínda non asumiu de maneira axeitada. Unha sociedade normal ten que estar informada na súa propia lingua e para iso son imprescindíbeis medios de comunicación que respondan tanto a criterios lingüísticos como a unha óptica galega. No caso galego, non se chegou a cubrir esa demanda, malia que o xornalismo galego arranca no século XIX. Na actualidade aínda estamos carentes dese medio que nos informe a

diario e en papel. E digo en papel porque, a pesar de ser a forma máis tradicional, é a que segue a ter máis credibilidade. Estou en Sermos Galiza porque acredito en que é un proxecto imprescindíbel para o desenvolvemento do país.

—E agora con Nós Diario cumpre dalgunha maneira un soño.

Aquel compartido coa Galiza das Irmandades, que querían contar cun diario en galego mais que o vían unha utopía por volta de 1918. A partir de xaneiro de 2020, será unha realidade. Este número cero xa é unha realidade. As lectoras e lectores serán quen nos dean ese punto de confianza para que isto avance e para que ese soño que aparecía citado nas orixes do galeguismo, das Irmandades, se concrete.

—Presidente e conselleiro delegado de Sermos Galiza, presidente da AS-PG, dirixe un clube de lectura na A.C. Alexandre Bóveda, vai a aulas de francés, exerce de labrego as fins de semana en Touro...

Teño pouca habilidade para dicir que non. E sempre acho atractivas as cousas nas que estou metido. Touro supón para min un lugar en que me sinto moi cómodo. Touro significa estar cos pés na terra, estar nun espazo que agocha todas as contradicións e todas as cousas boas que ten este país: alí tanto te levantas co cheiro dos lodos procedentes das depuradoras que se verten na mina como outro día recende a flor do castiñeiro. Vou a Touro sempre que podo e alí procuro ser un veciño máis que paga as cotas das festas, sen esquecer que é o lugar en que se foron criando as miñas fillas e onde viviron os seus antepasados por parte materna. Rozas, que así se chama a aldea, permite aínda falar con xente que ten moitos anos e viviu alí moita vida. E tamén ten tres casas habitadas.

—Féchase o círculo, das tres casas de Zan ás tres casas de Rozas.

Todo volve.

—Como ve o futuro de Nós Diario, da lingua e do ensino?

Vaia coa pergunta! Pois... eu diría como gostaría de o ver. Gostaría de o ver como un conxunto que fose asumido como normal e habitual, que forma parte de nós, con independencia das predileccións de cada persoa, con independencia do que esa persoa pense. Nós Diario, a lingua e ensino, un conxunto coas súas eivas e acertos, mais sempre espello noso, a nos reflectir como somos. Así gostaría de ver este conxunto no futuro.

Foto Interior: Xoán Costa, Ramón López Suevos, Ricardo Carvalho Calero e Manuel María no I Congresso Internacional da Língua Galego-Portuguesa na Galiza. Ourense, setembro de 1984. Fotografía cortesía de Xan Carballa. 

comentarios