Contracultura

Xoán Andrade: "Non utilizaría un sarcasmo destrutivo que non incitase a unha certa tenrura ou sorriso"

Xoán Andrade, ilustrador, recolle a súa traxectoria nunha exposición, 'Pingas de humor crítico', que está aberta ao público até o 8 de marzo no Arquivo Municipal de Betanzos. Andrade aborda a súa evolución, tanto a nivel de ferramentas dixitais como no que respecta ao seu discurso, porque como el di, “o que interesa é tratar de mellorar un pouco a sociedade”. 
O ilustrador e educador Xoán Andrade (Foto: Nós Diario).
photo_camera O ilustrador e educador Xoán Andrade (Foto: Nós Diario).

Como xurdiu a exposición 'Pingas de humor crítico'?

Eu levo traballando coas persoas que forman parte da Asociación Roxín Roxal practicamente desde os anos 80 e no seu momento consideraron que o traballo que eu levo feito estaba sendo descoñecido, polo que a idea foi súa.

A exposición planificouse como unha retrospectiva facendo unha selección de todos os traballos que fixen, mais tendo en conta os diferentes ámbitos nos que traballei: cadriños de humor e caricaturas, material educativo como é Chirlo Merlo ou para a educación afectiva sexual, ilustracións históricas ou etnográficas e deseños de logos e carteis. Partín da base de que todos os medios cos que eu colaborara tiñan que estar representados, creo que cubrimos unha panorámica bastante ampla. 

De feito, como detalle tamén está na exposición a portada dun xornal que elaboramos cando eu estudaba COU e uns días despois da inauguración tamén engadimos outras catro ou cinco portadas doutro xornal do instituto, porque estas tiven máis problemas para localizalas. Haberá quen non lle dea ningunha importancia, mais para min forma parte de todo o que levo feito. 

Esta compilación tamén é unha forma de ver a evolución. 

Polo xeral eu son bastante consciente da evolución, porque vai moi ligada ao tipo de medio que utilices para producir o debuxo. Nas ilustracións que facía para traballos etnográficos e históricos eu traballaba con pluma e estilógrafo de diferentes grosores. Hoxe en día fágoo co ordenador, o que permite unhas cousas e limita outras. Por exemplo, o deseño con puntillismo daquela época hoxe non o faría coa computadora, mais a técnica dos que son con liñas limpas segue a ser exactamente igual. O primeiro é facer un bosquexo en papel e lapis que despois é trasladado a tinta, antes con pluma e estilógrafo e hoxe directamente no ordenador, escaneando o bosquexo e traballando con capas. 

No que respecta á distribución tampouco sei se hai moita diferenza porque se ben cando as ilustracións están no ordenador podes envialas a través do correo electrónico a onde queiras, hoxe tamén é posíbel utilizar un bo escáner para sacar unha reprodución fiel dos deseños en papel.

 A comparación que eu fago é con debuxos do mesmo estilo, con liñas e en branco e negro, pola cuestión do pulso. Se tes un bo pulso podes notar a diferenza só ao ampliar as liñas, mais ao facelo no ordenador as liñas son sempre puras, dá igual o ampliado que estea o debuxo. 

E logo tamén a evolución das técnicas dixitais especialmente á hora de facer colaxes entre debuxos e fotografías. É unha técnica que eu non traballaba antes porque non me gustaban os resultados, sempre se notaban os defectos de ensamblaxe, mais hoxe en día practicamente é imperceptíbel. 

E a nivel discursivo?

Claro, tamén hai unha diferenza notábel porque antes a temática era un pouco máis inxenua, quizais con menos crítica. Buscando material para facer a exposición atopei orixinais con chistes matemáticos ou absurdos, porque era o que facía nesa época. Ao final foi evolucionando cara a un humor máis sarcástico ou crítico, que é o que realmente primei a partir dun determinado momento ao facerme consciente do que estaba ocorrendo socialmente.


Ao final, o que interesa é tratar de mellorar un pouco a sociedade ilustrando as contradicións que se dan a través do humor. Tamén digo que non é un sarcasmo destrutivo, senón que incita a unha certa tenrura ou sorriso, non faría nada que non fose así. E digo isto porque hai revistas de humor que son moi sarcásticas, por exemplo Mongolia, que me fan dubidar se conseguen o efecto que desexan ou se realmente acaban provocando o efecto contrario nas persoas que as len.  

Comentarios