Xesús Fraga, Margarita Ledo e Viñetas desde o Atlántico, entre os premios da Crítica da Galiza 2021

Este sábado déronse a coñecer as e os protagonistas da 44ª edición dos Premios da Crítica da Galiza. Os galardóns foron para Virtudes (e misterios) de Xesús Fraga (Creación Literaria), Castelao. Construtor da nación. Tomo II de Miguel Anxo Seixas (Investigación), Viñetas desde o Atlántico (Iniciativas Culturais e Científicas), Alejo Amoedo (Música), Manuel Ayaso (Artes Plásticas),  Erregueté. Revista Galega de Teatro (Artes Escénicas), Margarita Ledo (Cine e Artes Audiovisuais) e Queixaría Arias Moniz (Cultura Gastronómica).

Foto de familia dos premios da Crítica da Galiza 2020 e 2021 (Xunta da Galiza)
photo_camera Foto de familia dos premios da Crítica da Galiza 2020 e 2021 (Xunta da Galiza)

A 44º edición dos 'Premios da Crítica da Galiza' deu a coñecer os galardoados deste ano 2021 e que recoñecen o papel de figuras como o xornalista Xesús Fraga, a cineasta e académica Margarita Ledo ou o festival de banda deseñada Viñetas desde o Atlántico.

Baixo o lema 'Non hai idioma abondo para recoñecérmonos' da poeta Xela Arias, xuntáronse duascentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país no acto de entrega que tivo lugar na sede de Afundación de Vigo.

Durante o evento, que foi conducido polo poeta Yolanda Castaño e Bieito Ledo, presidente e fundador dos premios, fíxose entrega ao presidente do Parlamento dun recoñecemento con motivo do 40 aniversario da Cámara galega, deseñado polo pintor Antón Pulido.

Os premios 2021

O premio á creación literaria foi concedido ao xornalista Xesús Fraga, pola obra Virtudes (e misterios), mentres que o galardón á investigación outorgouse a Miguel Anxo Seixas, por Castelao. Construtor da nación. Tomo II.

O certame premiou a Viñetas desde o Atlántico na categoría de 'Iniciativas Culturais e Científicas', ao artista Alejo Amoedo ao premio á música e Manuel Ayaso en Artes Plásticas.

Pola súa banda, o xurado escolleu Erregueté. Revista Galega de Teatro como premio de Artes Escénicas; a Margarita Ledo co recoñecemento na categoría de Cinema e Artes Audiovisuais; e a Queixaría Arias Moniz na modalidade de Cultura Gastronómica 2021.

Entrega de premios da edición 2020

No mesmo acto entregáronse os galardóns da pasada edición, coa gala suspendida polas restricións da pandemia, que recaeron na obra Feliz Idade de Olga Novo (Creación Literaria), Anarquistas galegos en América, de Bieito Alonso (Investigación), GCiencia. Portal da Ciencia Galega (Iniciativas Culturais e Científicas), Margarita Viso (Música), Alfonso Costa (Artes Plásticas), Os Monicreques de Kukas (Artes Escénicas), O que arde de Oliver Laxe (Cine e Artes Audiovisuais) e a Festa do Marisco do Grove (premio de Cultura Gastronómica).

Comentarios