‘O que arde’ fica ás portas de ir aos Oscar

A Academia de cinema española escolle La trinchera infinita para representar o Estado español na 93 edición destes premios, que se entregarán en abril próximo.

o que arde
photo_camera o que arde

‘O que arde’ fica ás portas de ir aos Oscar. A terceira longametraxe de Oliver Laxe, que desde a súa estrea a finais de 2019 non parou de sumar recoñecementos de público e crítica, non foi a escollida finalmente pola Academia do Cinema española, que optou por La frontera infinita, de Jon Garaño, Aitor Arregi, José Mari Goenaga.

A Academia de Cine vén de comunicar que o filme vasco  vai ser quen represente o Estado español na 93 gala dos Oscar, que decorrerá en abril de 2021.

‘O que arde’ estaba canda  ‘El hoyo’, de Galder Gaztelu-Urrutia, e ‘La trinchera infinita’, de Goenaga, Garaño e Agirre; na terna de preseleccionadas e hoxe deuse a coñecer a gañadora. 

La trinchera infinita narra a historia de Higinio e Rosa, que levan poucos meses casados cando estoupa a Guerra Civil, e a vida del pasa a estar seriamente ameazada. Con axuda da súa muller, decidirá utilizar un buraco cavado na súa propia casa como agocho provisional. O medo ás posibles represalias, así como o amor que senten o un polo outro, condenaralles a un peche que se prolongará durante máis de 30 anos.

O que arde

‘O que arde’ rexistrouse nos Ancares. Elexía e homenaxe ao mundo rural, relata en 85 minutos a historia de Amador Coro e a súa nai. Coro acaba de saír de prisión despois de ser condenado por provocar un incendio. As relacións humanas e o paseniño ritmo cotián da montaña, a cultura campesiña que se esvae e os desaxustes producidos polas mudanzas, valéronlle á peza de Laxe un bo feixe de premios e galardóns nestes meses.

Nunha entrevista en Nós Diario, Oliver Laxe manifestaba: "Son galego, non estou separado da natureza. Non estou nunha dialéctica coa ela. Fixen este filme de maneira natural. Non foi “quero facer un filme no que a natureza sexa importante”. Estou disolto nela. Sempre fago filmes no rural. E sempre que podo vivo no rural, na natureza. E iso nótase. De feito, estou habitado por esa natureza, por aquel val. Desde pequeno, é un espazo que me habita, tenme secuestrado. Son unha expresión máis dese val, unha ferramenta del. Unha raíz invertida. Hai raíces que van cara á terra e hai raíces que son os seres humanos, unha extensión máis".

Comentarios