As xestoras culturais, "preocupadas" ante o plan de reactivación do sector

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) expresa a súa “preocupación” logo da primeira lectura ao Plan de Reactivación Cultural e Turística do Goberno Galego e demandan "medidas concretas".

Concerto no Hospital de Conxo (Iván Barreiro)
photo_camera Concerto no Hospital de Conxo (Iván Barreiro)

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) expresa a súa “preocupación” logo da primeira lectura ao Plan de Reactivación Cultural e Turística da Xunta da Galiza, publicado a pasada semana.

Desde a AGPXC sinalan que continúan a “analizar o documento” e a “manter múltiples conversas” tanto coas súas asociadas como con outras entidades representativas do sector coas que comparten “preocupacións” por cousas como a “falta de concreción” ou de “medidas hixiénico sanitarias”.

Ademais, apuntan a unha “desprotección da diversidade” en areas do sector cultural “non exclusivamente dirixidos á produción e o consumo”, e reclaman unha “maior participación da CRTVG como fonte de apoio e investimento”.

Por outra banda, demandan que o Xacobeo 2021 torne en “eixo transversal do feito cultural galego” e que se corrixan “a falta de medidas para a transformación dixital”, a “ausencia de perspectiva de xénero” nas medidas propostas ou “a falta de información sobre a adaptación do orzamento de 2020 da Cidade da Cultura”.

“Confiamos na vontade da Consellaría de Cultura en manter aberto o diálogo con todo o sector para que o plan que se acaba de presentar incorpore todas as medidas necesarias que permitan poñer a salvo a todo o ecosistema cultural galego”, conclúen.

Comentarios