Cultura

CRTVG anuncia medidas de apoio ao sector audiovisual

Entre as accións publicadas inclúese o desenvolvemento de programas adaptados á situación actual, mais sen ofrecer máis detalles
Plató TVG
photo_camera Plató TVG

Como resposta á delicada situación que o sector audiovisual atravesa por mor da alarma sanitaria, a CRTVG vén de facer públicas unha serie de medidas coas que pretende demostrar o seu "compromiso corporativo" co tecido empresarial do país. Estas incluirían o mantemento do groso da programación de proximidade, así como a contratación de novos produtos audiovisuais adaptados ás novas necesidades. Neste senso, refiren "contidos educativos, sociais, experiencias innovadoras como a slow TV ou a carteleira de cine dixital".

Contémplanse reducións nos prazos de pagamento por produtos entregados e servizos prestados, xunto a moratorias para as entregas daquelas producións que se viron interrompidas e a tramitación das contratacións da CRTVG mediante transferencia dixital, para axilizar os procesos.

Doutra banda, anúnciase a posta en marcha de contratos de apoio á produción audiovisual de proxectos que teñan xa definido o seu cronograma, actuación que pretende que as produtoras poidan destinar o tempo do estado de alarma á preprodución dos seus próximos traballos. Ademais, prevese entre finais de abril ou principios de maio a celebración dunha comisión extraordinaria de avaliación de proxectos.

Igualmente, activaríase un procedemento para seleccionar a adaptación a televisión, mediante rodaxe en escenario, dunha obra preexistente da produción escénica galega. Proponse tamén a reactivación da produción musical galega para televisión e radio ou un ciclo de concertos vía web.

A isto súmase a reactivación inmediata da actividade de dobraxe, axudas para participar en certames internacionais ou a procura de alianzas con iniciativas existentes que a CRTVG podería incorporar á súa oferta quer televisiva quer dixital. 

Comentarios